A Deputación da Coruña promove o III Encontro de Axentes de Igualdade
Terá lugar este xoves 24 no Muncyt co obxectivo de xerar un espazo de coñecemento mutuo, compartir experiencias inspiradoras, reflexionar colectivamente, e poñer en valor o potencial da figura dos axentes de igualdade
Este xoves 24 terá lugar o III Encontro de Axentes de Igualdade, un espazo promovido pola Deputación da Coruña como punto de encontro de profesionais que traballan no deseño de políticas públicas de igualdade no ámbito local.
Os obxectivos do encontro, que se celebrará de 9:30 a 14h no MUNCYT da Coruña, son xerar un espazo de coñecemento mutuo, compartir experiencias inspiradoras, reflexionar colectivamente, e poñer en valor o potencial da figura dos axentes de igualdade.
Para iso, o programa conta con dous espazos participativos para fomentar o diálogo, un primeiro de presentación e un último para integrar aprendizaxes e apoiar a transferencia aos diferentes contextos. A maiores, terá lugar unha presentación de experiencias inspiradoras, con técnicas dos concellos de Arzúa, Betanzos, Aranga e Bergondo, así como da propia Deputación. O programa complétase cunha mesa redonda, na que participarán Isabel Diz, profesora asociada da USC e coordinadora da Rede Armela, e Celso Taboada, axente de igualdade de Lalín e vicepresidente de APAIOGA. O espazo foi deseñado e estará facilitado polos equipos de Rexenerando S. Coop. e Arabías S. Coop.
Compartirase unha memoria coas participantes onde figuren iniciativas de igualdade desenvolvidas nos seus contextos, reforzando este obxectivo do coñecemento mutuo.
As inscricións están abertas no seguinte formulario: i.gal/eai.