A Deputación amplía a campaña Ser e Sentir cunha serie de pezas audiovisuais para demontar mentiras contra o colectivo LGBT+
Os 10 microvídeos están publicados na páxina web seresentir.gal e na canle de Youtube da Deputación da Coruña
"Queremos loitar contra as mensaxes de odio a través da información, achegándonos a unha audiencia moi ampla, e fomentando a empatía e a reflexión" engadiu Agra
A área de igualdade da Deputación da Coruña amplía a súa campaña "Ser e Sentir" coa publicación dunha serie de pezas audiovisuais que buscan desmontar trolas contra o colectivo LGBT+, e que se poden visualizar na canle de youtube da Deputación; na páxina web seresentir.gal e nas redes sociais da entidade provincial.
Esta serie de microvideos #DesmontandoPrexuizos poñen o foco contra as trolas a respecto da diversidade sexual. "Estas pílulas son unha ferramenta moi poderosa, pois non só axudarán a desmantelar prexuízos e trolas, senón que tamén inspirarán á comunidade a unirse nesta causa común contra a LGBTfobia nun espazo como o das redes sociais, onde se atopa un público moi amplo e diverso" apunta a deputada de igualdade, Soledad Agra.
"Queremos, con este traballo, transmitir información que nos permita rachar as mentiras que a diario escoitamos por diversas vías e que só buscan estender mensaxes de odio. Deste xeito, pretendemos achegarnos a unha audiencia moi ampla, creando unha atmosfera de empatía e fomentando a reflexión" engadiu Agra.
En total, son 10 pequenas pezas que se irán publicando nas vindeiras semanas e que tratan temas como a necesidade da educación sexual na mocidade, a transfobia no deporte, referentes LGBT+ para a mocidade, os estereotipos, o falso mito da moda, a importancia das siglas LGBT+ ou o significado das diferentes bandeiras.