Estás en:Emprego Novas

Aberto o prazo para inscribirse na Campaña da Neve 2025 da Deputación da Coruña

A campaña de esquí desenvolveranse entre o 10 de xaneiro e o 17 de febreiro na estación invernal de Valgrande-Pajares, en Asturias

Participarán un total de 600 nenos e nenas de toda a provincia

As persoas interesadas poden presentar no seu Concello a ficha de inscrición ata o 2 de decembro

Aberto o prazo para inscribirse na Campaña da Neve 2025 da Deputación da Coruña

A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 10 de xaneiro e o 17 de febreiro de 2025, diversas viaxes á estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias) para impulsar a práctica do esquí entre a mocidade de 11 a 15 anos de idade dos municipios coruñeses. Poderán participar un total de 600 nenos e nenas de toda a provincia, que se repartirán en seis quendas de catro días de duración cada unha.

Con esta campaña, a institución provincial pretende "que os rapaces e rapazas da provincia da Coruña poidan iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades no esquí, ao mesmo tempo que participan noutras iniciativas deportivas e culturais organizadas de xeito complementario", indicou o deputado de Deportes, Antonio Leira.

As viaxes terán un custe de 85 euros e inclúen transporte, estadía de catro días na estación de Valgrande-Pajares, clases de esquí, monitores, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados. Terá prioridade na inscrición a rapazada que nunca fora a ningunha campaña de neve da Deputación.

Desde a institución provincial recoméndase aos e ás asistentes que leven consigo gorro, luvas, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou similar, roupa de rúa e deportiva, chuvasqueiro, mochila pequena, útiles de aseo, pixama e crema solar.

Inscrición aberta nos Concellos ata o 2 de decembro

Os interesados e interesadas en participar deberán presentar no seu Concello a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titores do solicitante, fotocopia da tarxeta sanitaria e do carné de identidade e copia do aboamento da cota de inscrición (unha vez a praza estea confirmada).

O prazo para apuntarse xa está aberto e remata o 2 de decembro de 2024.

No caso de que se soliciten máis prazas das dispoñibles, os concellos procederán a sortear as mesmas entre os e as solicitantes.

A ficha de inscrición e toda a información correspodente á Campaña de Esquí 2024 pódese descargar da páxina web da Deputación da Coruña

https://emprego.dacoruna.gal/files/8617/3089/7866/Campana-Neve_2025_Ficha_Inscricion.pdf

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X