Estás en:Emprego Novas

A litigación estratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos, a debate nunha xornada organizada pola Deputación e A Mesa

Terá lugar o 23 de novembro na Biblioteca provincial, onde se reunirán especialistas de todo Estado; entre eles, Elsa Quintas, Xoán Antón Pérez Lema, Carlos Amoedo Souto, Rut Carandell ou Agurne Gaubeka

Está aberta á participación do público, previa inscrición en www.amesa.gal

A litigación estratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos, a debate nunha xornada organizada pola Deputación e A Mesa

A área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística realizan o próximo 23 de novembro, na Biblioteca provincial da Coruña, a xornada 'Lingua con dereito. Dereito á lingua', unha xornada de debate arredor das posibilidades de litigación estratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos.

Será inaugurada, ás 10 horas, pola deputada de Lingua, Sol Agra, quen introducirá os sete relatorios, nos que intervirán especialistas de todo o Estado: Xoán Antón Pérez Lema, Benet Salellas i Vilar, Iñigo Urrutia, Carlos Amoedo Souto, Elsa Quintas, Miguel Bieito, Cristina Fernández, Rut Carandell e Agurne Gaubeka. A xornada clausurarase cunha homenaxe ao xurista e avogado Nemesio Barxa

"Para o departamento provincial de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís", explica Agra, "é fundamental que defendamos activamente a presenza do galego en todos os ámbitos; neste caso fomentado espazos de reflexión que acheguen solucións prácticas, coma o emprego da vía xudicial, un instrumento eficaz para facermos valer os nosos dereitos como galegofalantes, que tantas veces nos negan, xa non só nas empresas, mesmo tamén nas institucións públicas". "Por iso", engade, "estas xornadas contribúen a dar un paso máis na normalización da nosa lingua".

Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio, cre necesario "dotármonos de novas ferramentas, explorarmos estratexias procesuais e contrastarmos as experiencias con compañeiros e compañeiras doutras nacións nas que, como na nosa, lles é negado o dereito a viviren na súa lingua". "O respeito ao exercicio dos dereitos lingüísticos ha de ser sinónimo de democracia e de estado de dereito", insiste, "partindo da premisa de que os dereitos lingüísticos fan parte dos dereitos humanos e que, ao seren negados e impedida a súa materialización, ponse en perigo o sistema de valores sobre os que se sustenta un estado de dereito".

A xornada está aberta á participación do público, previa inscrición na web da Mesa, nesta ligazón.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X