Estás en:Emprego Novas

A Deputación conmemora o 25N declarando que “unha sociedade democrática e de dereito é incompatíbel cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres”

A deputada de igualdade, Soledad Agra, destacou durante a súa intervención que "a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde, xa que é o problema máis importante que afecta a vida das mulleres na nosa sociedade"

As deputadas Yoya Neira, Natividade González, Avia Veira, Izaskun García e María del Mar Méndez leron a declaración institucional na que, entre outras, se reclama "máis coordinación entre as administracións para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades desde servizos 100% públicos

Ademais, membros do persoal funcionario fixeron a lectura colectiva dun texto contra a violencia machista

A Deputación conmemora o 25N declarando que “unha sociedade democrática e de dereito é incompatíbel cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres”

O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta mañá o acto institucional do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un acto que contou coa intervención da deputada de igualdade, Soledad Agra; a lectura da declaración institucional por parte das deputadas Yoya Neira, Natividade González, Avia Veira, Izaskun García e María del Mar Méndez e a lectura dun texto contra a violencia machista por parte de membros do persoal funcionario, que incluía testemuños reais de mulleres vítimas.

A deputada de igualdade comezou afirmando que "a violencia machista é o problema máis importante que afecta á vida das mulleres na nosa sociedade, consecuencia dun sistema de dominación social contra as mulleres: o patriarcado. Por iso, a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde".

"No que vai de 2024", engadiu Soledad Agra, "xa son 41 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas en todo o estado. Os feminicidios son a consecuencia máis extrema dunha violencia que no último ano enteiro deixa máis de 1400 ordes de afastamento, 7795 casos activos nos rexistros da Garda Civil, do que 3231 contan con protección oficial, ou máis de 900 delitos coñecidos contra a liberdade sexual, o maior número e o maior aumento de toda a serie histórica - un 20%-." A deputada referiuse, ademais, á necesidade de "avaliar que podemos facer para evitar o avance da violencia machista; é responsabilidade de todas e de todos, debemos seguir visibilizando, denunciando, educando, sensibilizando e lexislando para que todas as persoas vivamos en igualdade de condicións. A seguridade das mulleres, a posibilidade de vivir sen medo e sen ser violentadas, agredidas, insultadas, menosprezadas por ningún home en ningún ámbito, sexa na súa relación de parella ou no seu traballo, nos espazos deportivos ou de ocio, na rúa ou na escola, é a meta que calquera sociedade democrática debe poñerse".

Posteriormente, as deputadas Yoya Neira, Natividade González, Avia Veira, Izaskun García e María del Mar Méndez leron a declaración institucional. "Somos conscientes da violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo e traballamos para conseguir que deixe de ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres: é un obxectivo irrenunciábel e prioritario". Un escrito oficial no que se reclama, entre outras, "máis coordinación entre as administracións para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades desde servizos 100% públicos".

A última parte do acto estivo protagonizada polo persoal funcionario da Deputación, que fixo a lectura dun texto contra a violencia machista que incluía testemuñas de vítimas reais. "A violencia exércese de moitas maneiras e a través de moitos medios, e todas elas danse no contexto dunha violencia estrutural, que sitúa ás mulleres nunha posición social de inferioridade. Por iso, neste 25N, queremos facer visibles os testemuños de mulleres que sufriron e sofren as violencias do patriarcado e quixeron facelas públicas" comezaban, para posteriormente ler fragmentos que foron recollidos nas obras "Invisibles" de Montse Fajardo, "Ocho señales" de Patricia Calveiro e Noelia Míguez, "Puteros" de Beatriz Ranea e "Mujeres y locura" de Phyllis Chesler.

O acto institucional do 25 de novembro forma parte da campaña "De fronte á violencia de xénero", que este ano pon o foco nas Infeccións de Transmisión Sexual, cuxo incremento está relacionado coa violencia de xénero, concretamente con comportamentos de risco, manipulación e engano, e que inclúe. A campaña durará varias semanas e inclúe unha serie de accións: actualización das ferramentas que se atopan na web defronte.gal; elaboración de material audiovisual en materia de prevención de ITS; recursos dixitais para empregar nos puntos violeta e xogos interactivos e 5 palestras en varios puntos da provincia arredor das distintas formas violencias de xénero.

Declaración institucional
"Conmemoramos o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres co recente asasinato dunha muller a mans da súa exparella en Baiona. Condenamos este novo crime e manifestamos o noso apoio e solidariedade á familia e ás persoas achegadas da vítima.

Somos conscientes da violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo e traballamos para conseguir que deixe de ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres: é un obxectivo irrenunciábel e prioritario.

Como parte activa da nosa sociedade compartimos ese compromiso, como parte do esforzo colectivo imprescindíbel para transformar as estruturas que manteñen o machismo e a desigualdade. Amosamos a nosa preocupación polos crecentes discursos e accións negacionistas que confrontamos coa acción institucional da Deputación da Coruña, levando a todos os recunchos da provincia actividades, formación e campañas que precisamente consisten en concienciar sobre a existencia da violencia machista mais tamén en denunciar todas as formas que esta ten. Desgraciadamente, a pesar dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer.

Cómpre reforzar a condena da violencia machista en todas as súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dun presente no que ningunha muller sexa vítima desta violencia desde o compromiso activo con remate con esas actitudes patriarcais.

Desde 2003, máis de 1200 mulleres foron asasinadas por homes a mans das súas parellas ou exparellas. No que vai de 2024, foron asasinadas 41 mulleres e presentáronse máis de 95.000 denuncias por violencia machista. Unha sociedade democrática e de dereito debe ser incompatíbel cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres.

Desde a Deputación da Coruña reclamamos máis coordinación entre as administracións para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades desde servizos 100% públicos.

Hoxe, ademais, cómpre lembrar que a violencia machista non é só o acoso, as agresións físicas ou os asasinatos. Tamén é a violencia económica que priva as mulleres da súa independencia económica ao ter que depender de quen as maltrata; a violencia vicaria pola que os fillos e as fillas tamén son vítimas e obxectivos para facerlles dano ás nais; a violencia dixital das ameazas, acoso e chantaxe na contorna virtual; a violencia sexual, desde a prostitución á pornografía, pasando pola cousificación das mulleres, as condutas violentas nas relacións sexuais ou a submisión química, entre outras.

Nesta data en que se reclama internacionalmente a eliminación da violencia contra as mulleres, debemos lembrar tamén a situación na que están as mulleres de países en situacións de regresión cultural e social, nos que son privadas dos seus dereitos e liberdades fundamentais. É o caso de Afganistán, onde as mulleres están recluídas nas súas casas, sen acceso á educación, ao traballo nin a ningunha relación social. Tamén temos que lembrar hoxe que nas zonas de conflito armado as mulleres son obxecto de abusos, violacións e escravitude sexual con total impunidade. Erguemos tamén a nosa voz para denunciar estas situacións e reclamar que se cumpran os dereitos humanos máis fundamentais.

Facemos, así mesmo, un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres. Non pode haber máis silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña cambie de bando.
Todas as administracións temos que seguir a promover avances na loita contra a violencia machista e a protección das vítimas, incidindo na prevención".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X