A Deputación remata as obras de ampliación e mellora da estrada do Confurco a Orro, en Culleredo, tras un investimento de 2,1 millóns de euros
Formoso destaca que "se trata dunha das obras de maior importe das realizadas pola Deputación nos últimos dez anos" nunha estrada importante que conecta os concellos de Culleredo e Arteixo
Rioboo destaca "a transformación total" do vial, cunhas obras que duplicaron a anchura da plataforma ata os 10 metros, eliminaron as curvas máis perigosas, dotaron unha gran senda peonil de 3 quilómetros e renovaron alumeado e saneamento
A Deputación financia tamén con 375.000 euros a mellora do entorno do concello e a igrexa de Culleredo, que busca a humanización da zona
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, e a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, visitaron hoxe distintas obras de mellora da rede viaria provincial no municipio cullerdense.
Entre elas, destaca a culminación dos traballos de ampliación e mellora da seguridade viaria da estrada DP 0510 do Confurco a Orro, que conta cun elevado volume de tráfico, pois conecta Culleredo con Arteixo.
A obra supuxo un importante investimento de máis de 2,1 millóns de euros para executar, ao longo dos case tres quilómetros de lonxitude do vial, a ampliación da plataforma, que pasa de 5 a 10 metros de ancho incluíndo a construción dunha nova senda peonil; a mellora do trazado para eliminar tres curvas cun radio moi reducido, a mellora da iluminación e a dotación dunha nova rede saneamento, actuación esta última que foi financiada integramente polo Concello de Culleredo, dentro do mesmo proxecto, con 250.317 euros.
Formoso destacou que as obras, que se están ultimando estes días tras un longo de dificultoso proceso de execución, "supoñen un antes e un despois na seguridade estrada de Confurco a Orro, que cun orzamento total de máis de 2,1 millóns de euros, é unha das obras de maior importe realizadas pola Deputación da Coruña nos últimos dez anos"
Estes días estanse realizando as tarefas de pintado e os últimos remates, polo que a obra estará completamente concluída a vindeira semana, segundo apuntou o presidente, que destacou "a importancia do vial, que conecta os concellos de Culleredo e Arteixo e rexistra un tráfico importante de vehículos".
Formoso agradeceu a paciencia da veciñanza polas molestias que ocasionaron unhas obras "complexas na súa tramitación e execución", pero considerou que "o resultado pagou a pena e supón unha notable mellora da seguridade".
"Transformación total" da estrada
Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, afirmou que "hoxe é un día de ledicia para a parroquia de Orro, que levaba moitos anos esperando por esta estrada, que pasou de apenas 5 metros e case 10 metros de ancho" e conta con senda para os peóns e alumeado.
"A transformación é total e o proxecto que fixo a Deputación creo que é dos mellores e de maior investimento de cantos se fixeron en Culleredo", afirmou Rioboo, que agradeceu tamén "a paciencia dos veciños para soportar as molestias durante o longo proceso de execución das obras".
"Agora o que nos queda é traballar na seguinte fase, que continuará pola parroquia de Orro durante aproximadamente un quilómetro e medio máis para conectar despois co termo municipal de Arteixo e completar unha das sendas máis longas da Deputación que conecte os dos concellos", afirmou Rioboo.
As obras supuxeron a mellora integral da estrada desde o seu comezo, na intersección coa DP-3109, ata o punto quilométrico 2+940, mellorando o acceso aos núcleos de Figueiras e Caiñás e ás vivendas situadas neste tramo de preto de 3 quilómetros.
Co obxectivo de favorecer o tránsito dos viandantes entre os diversos inmobles que se sitúan a ambos marxes da estrada, construíuse unha senda peonil de dous metros de ancho ao longo da totalidade da estrada. Ademais, nas zonas onde o ancho o permite creáronse zonas de aparcamento en batería.
Melloras no entorno da Igrexa e o Concello de Culleredo
Formoso e Rioboo supervisaron tamén as obras de mellora da seguridade viaria nun tramo da estrada provincial DP-3109 e outro da DP-1705 nas inmediacións da Casa do Concello, que están en fase de execución. A actuación afecta a un treito de 215 metros da primeira (entre os puntos quilométricos 2+600 e 2+815), dos que 140 metros forman parte da rúa do Concello e os 75 restantes correspóndense coa rúa de José Ramallo. En canto á segunda, comprenderán os primeiros 99 metros da vía, integramente na rúa do Concello.
As obras supoñen un investimento de 352.415,78 euros e servirán para solucionar problemas actuais coma o ancho insuficiente da parte destinada ao tráfico, o deterioro do firme ou a falta de zonas de tránsito peonil seguro.
Entre as principais melloras da obra destaca a dotación de novos pavimentos e mobiliario urbano, a optimización das canalizacións dos servizos municipais e a configuración do entorno para darlles prioridade aos viandantes fronte aos coches. Tal e como consta no proxecto, búscase unha humanización que obrigue aos vehículos a reducir a velocidade.
As obras contemplan a construción dunha plataforma única de pedra e formigón que unirá os edificios de vivendas, a Casa do Concello e os ámbitos da igrexa de Santo Estevo e o parque municipal de Tarrío. Tamén se mellorará a pequena praza anexa ao lavadoiro. O pavimento de lousas de pedra existente ante o Concello manterase tal como está. O desnivel actual entre beirarrúa e calzada reducirase a só 3 centímetros, mediante a sobreelevación desta última, o que suporá unha notable mellora da accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida e os carros de bebés.
O novo mobiliario urbano incluirá bancos de formigón e madeira, papeleiras de fundición dúctil, unha varanda de aceiro inoxidable que substituirá á que había no lugar, zona de aparcamento de bicicletas tamén de aceiro inoxidable e bolardos de 1,20 metros de altura. Nas escavas, plantaranse exemplares de carballo cun perímetro de tronco entre os 18 e os 20 centímetros. En canto ás redes de pluviais, saneamento e alumeado público, renovaranse e adecuaranse ás necesidades actuais.