Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña impulsou a creación de máis de 18.000 empregos directos na última década a través dos seus investimentos en obra pública

A institución investiu máis de 1.000 millóns de euros en obra pública e servizos municipais durante a presidencia de Valentín González Formoso, con máis de 5.000 actuacións nos concellos e estradas provinciais

O presidente provincial participou esta mañá no Espacio Avenida Abanca nun foro organizado por Apecco co sector da construción

A Deputación da Coruña impulsou a creación de máis de 18.000 empregos directos na última década a través dos seus investimentos en obra pública

A Deputación da Coruña leva investidos máis de 1.000 millóns de euros en obra pública durante a última década, unha aposta decidida polo impulso ao sector da construción que permitiu a creación e mantemento de máis de 18.000 empregos directos na provincia.

Así o destacou o presidente provincial, Valentín González Formoso, durante a súa intervención no Foro APECCO 2025 celebrado esta mañá no Espazo Avenida Abanca, no que puxo en valor o papel clave que desempeñan os investimentos públicos no dinamismo económico e laboral do sector, que representa arredor do 7% do PIB galego e mantén 82.000 postos de traballo na nosa comunidade, o 46% deles na provincia da Coruña.

Formoso destacou que a principal ferramenta da Deputación neste ámbito foi a creación do Plan Único (POS+), que supuxo multiplicar por catro o investimento da institución provincial nos concellos. "Cando chegamos ao goberno en 2015, o Plan de Obras e Servizos era de 25 millóns de euros. Agora supón entorno a 100 millóns de euros anuais, o que permite aos concellos acometer as obras que necesitan e ofrecer mellores servizos á cidadanía. O Plan Único é un modelo de éxito, un exemplo de colaboración institucional e de confianza nos concellos, que son os que mellor coñecen as necesidades da súa veciñanza", afirmou Formoso.

O presidente provincial sinalou que o Plan Único consolidouse neste tempo como o maior plan de obras das catro deputacións galegas e un dos máis relevantes do Estado. Desde a súa posta en marcha, o POS+ permitiu a execución de 4.592 obras nos 93 concellos da provincia, cun investimento acumulado total de máis de 800 millóns de euros. Aínda que financiadas pola Deputación, son obras que licitan e adxudican os concellos, o que explica que as administracións locais sexan a segunda maior contratista de obras en Galicia, por detrás do Estado, e a única que crece en termos interanuais.

230 millóns para mellorar 500 quilómetros de estradas

A estas actuacións súmanse os investimentos do departamento de Vías e Obras, que nestes 10 anos destinou 230 millóns de euros á obras de mellora da rede provincial de estradas, con máis de 650 obras executadas e actuacións en 500 quilómetros, que segundo explicou Formoso "supoñen case a cuarta parte da rede viaria provincial". Ademais, construíronse 62 quilómetros de sendas peonís, especialmente en zonas rurais, contribuíndo á mellora da seguridade viaria e da mobilidade sostible.

"A obra pública non só mellora as infraestruturas dos concellos, senón que é un motor fundamental para o emprego e a economía local", afirmou González Formoso. "Cada millón de euros investido en construción xera arredor de 18 postos de traballo directos, polo que as administracións temos a responsabilidade de manter e reforzar o investimento público como instrumento de reactivación económica,"

Só no ano 2024, a Deputación da Coruña licitou 62 obras propias por valor de 28 millóns de euros, cunha media de 30 empresas licitadoras por contrato, o que demostra o interese e confianza das empresas do sector na administración provincial.

Un compromiso real co territorio

Formoso reivindicou o papel protagonista que desempeña a Deputación da Coruña a pesar de xestionar un orzamento moito menor ca outras administracións. "O noso orzamento para 2025 é de 240 millóns de euros, fronte aos 14.000 millóns da Xunta, é dicir, xestionamos menos do 2% do que xestiona a administración autonómica, pero este ano investimos máis nos concellos da nosa provincia que a Xunta no conxunto das catro provincias galegas", sinalou.

Neste sentido, urxiu ao goberno galego a incrementar o seu Fondo de Cooperación Local ata os 200 millóns de euros, fronte aos 116 millóns que a Deputación da Coruña destinará este ano aos seus 93 concellos só co Plan Único.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X