Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña participa na Feira das persoas Autónomas de Galicia apoiando o emprego e o emprendemento local

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, participou na inauguración da feira en Palexco, onde destacou os 5 millóns de euros que a Deputación destina este ano a apoiar aos profesionais autónomos da provincia

A Deputación da Coruña participa na Feira das persoas Autónomas de Galicia apoiando o emprego e o emprendemento local

A Deputación da Coruña está presente na Feira das persoas autónomas de Galicia, que se celebra desde hoxe xoves ata o domingo no PALEXCO da Coruña.

A Feira inaugurouse este xoves coa presenza da deputada de Industria e Emprego, Rosa Ana García, e representantes do ámbito institucional e do ámbito empresarial.

"Este evento converteuse nos últimos anos nun importante punto de encontro para profesionais de diversos sectores, un escaparate ideal para dar a coñecer os produtos e servizos das persoas profesionais autónomas galegas e fomentar a colaboración e as oportunidades de negocio, por iso decidimos participar cunha caseta e unha mesa informativa coa que proporcionaremos información sobre as axudas PEL para autónomos, que están entre as máis demandadas desde a súa creación", explicou a responsable de Emprego da Deputación da Coruña, que destacou os 5 millóns de euros que o PEL da institución provincial destina este ano a apoiar aos profesionais autónomos da provincia.

Unha feira clave para o futuro do emprendemento galego

A Feira dos Autónomos e Autónomas de Galicia xoga un papel fundamental no fortalecemento do sector autónomo e no impulso do emprendemento galego. Esta cita, que atrae a profesionais e persoas emprendedoras de todo o país, é unha excelente oportunidade para que as persoas autónomas e pequenas empresas galegas se relacionen, compartan experiencias, establezan novas colaboracións, e coñezan os recursos que as administración poñen a súa disposición.

O PEL aposta pola creación de emprego na provincia

Desde a súa creación no ano 2016, o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña investiu máis de 115 millóns de euros e favoreceu a creación de máis de 7.000 postos de traballo na provincia. Este plan ten como obxectivo principal promover un crecemento sostible, apoiar á fixación de poboación nos concellos máis pequenos e facilitar a creación de emprego estable e de calidade. O PEL conta con diversas liñas de actuación, como PEL Concellos, PEL Pemes e PEL Autónomos/as, que ofrecen apoios financeiros e recursos ao empresariado, persoas autónomas e concellos para mellorar a súa competitividade, impulsar a dixitalización e facilitar a contratación local.

Aposta polo emprendemento e a dixitalización no rural

Unha das principais liñas de traballo do Plan de Emprego Local é o impulso ao emprendemento e a dixitalización no rural galego. A través de iniciativas como a Rede Provincial de Coworking e a oficina Acelera Pyme, a Deputación fomenta a creación de novas empresas innovadoras e a dixitalización das pequenas empresas no rural. Estas medidas son fundamentais para combater o despoboamento rural e para mellorar a competitividade e a igualdade de oportunidades en todo o territorio. A Oficina Acelera Pyme, en particular, está a dar apoio ás pemes e persoas autónomas para a súa adaptación á economía dixital, mellorando a súa capacidade para competir nun mercado global cada vez máis tecnolóxico.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X