Estás en:Emprego

A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas PEL 2026: 8,6 millóns de euros para pemes, microempresas e autónomos

A principal novidade da convocatoria é a incorporación de axudas para o alugueiro de locais comerciais, oficinas e naves das persoas autónomas

O PEL 2026 terá tamén axudas para apoiar a contratación de persoal, a realización de investimentos e para cubrir os custos das cotas á Seguridade Social

A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas PEL 2026: 8,6 millóns de euros para pemes, microempresas e autónomos

A Deputación da Coruña abre mañá sábado, 15 de novembro, ás 9.00 horas, o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL 2026), unha convocatoria dotada con 8.660.000 euros destinada a apoiar a contratación de persoal, a realización de novos investimentos e a cubrir os custos das cotas á Seguridade Social e dos alugueiros de locais e centros de traballo das persoas profesionais autónomas. O prazo permanecerá aberto ata o 16 de decembro ás 14.00 horas e a tramitación das solicitudes deberá realizarse exclusivamente de forma telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

"As axudas do PEL, que o vindeiro ano oscilan entre os 1.000 e os 48.900 euros por persoa ou empresa beneficiaria, permitirán seguir xerando emprego e impulsando pequenos negocios, especialmente no rural", sinalou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.

Un programa que prioriza ás empresas que solicitan axuda por primeira vez

O presidente explicou tamén que, "co obxectivo de favorecer a chegada dos fondos a novos proxectos empresariais, a Deputación mantén o criterio polo cal se valorará cunha maior puntuación ás empresas e autónomos que non foran beneficiarios de ningunha convocatoria anterior do PEL".

Dos 8,66 millóns de euros da nova edición, 4,7 millóns destinaranse á creación e mantemento de emprego, 2,76 millóns financiarán investimentos en empresas de recente creación e 1,2 millóns corresponderán á liña PEL-Autónomos/as.

Novidade 2026: axudas para o alugueiro de locais comerciais, oficinas e naves

A principal novidade da convocatoria deste ano é a incorporación, dentro da liña PEL-Autónomos/as, da posibilidade de subvencionar as mensualidades de alugueiro de baixos comerciais, naves, oficinas ou centros de traballo, cunha axuda de entre 200 e 500 euros ao mes ata un máximo de 6.000 euros anuais. Ademais, mantense a subvención das cotas á Seguridade Social. Esta liña está dirixida ás persoas autónomas con domicilio fiscal, e no seu caso centro de traballo, en concellos de menos de 10.000 habitantes.
Sesión informativa o 20 de novembro

Co obxectivo de explicar as novidades e resolver dúbidas, o xoves 20 de novembro ás 12.00 horas celebrarase unha sesión informativa no coworking do Pazo de Arenaza, que poderá seguirse tanto de maneira presencial coma en liña. O persoal técnico do PEL realizará unha presentación detallada e unha simulación práctica dunha solicitude a través da plataforma SUBTeL para facilitar o proceso ás persoas interesadas.

A sesión poderá seguirse tanto en formato presencial como en liña. Para asistir de xeito presencial será necesaria a inscrición previa na seguinte web: Presentación das Axudas PEL 2026 - Pazo de Arenaza

Todas aquelas persoas interesadas en seguir a presentación en liña unicamente terán que acceder o día 20 ás 12:00 á seguinte web:Presentación das axudas PEL 2026, con José Carlos Díaz e Sofía Sanesteban - YouTube

Compatibilidade total entre as liñas do PEL

Todas as axudas do PEL son compatibles entre si. Isto significa que unha persoa autónoma con domicilio fiscal e centro de traballo nun concello de menos de 10.000 habitantes poderá acceder ata a 48.900 euros sumando as diferentes liñas (PEL-Emprende Investimento, PEL-Autónomos/as, PEL-Pemes Creación e Ampliación e PEL-Pemes Mantemento), sempre que cumpra os requisitos de cada unha delas.
Apoio ás persoas autónomas e reforzo de negocios no rural

No caso da liña PEL-Autónomos/as, a Deputación reforza o apoio a un colectivo fundamental para o tecido económico provincial ao incluír como gasto subvencionable o alugueiro de oficinas e baixos comerciais, ademais das cotas á Seguridade Social. Poderán solicitar estas axudas os autónomos con domicilio fiscal e, se procede, centro de traballo en concellos de menos de 10.000 habitantes, cun importe máximo de 6.000 euros ao ano e 500 euros por mes de alugueiro.

Axudas para a contratación: PEL-Pemes Creación e Mantemento

A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación contará cun orzamento de 3,5 millóns de euros e está destinada a empresas e autónomos situados en concellos de menos de 20.000 habitantes. O programa permite subvencionar ata o 60% dos custos salariais dunha nova contratación, cun máximo de 12.000 euros para contratos a xornada completa de ata doce meses dentro de 2026. Pola súa parte, a liña PEL-Pemes Mantemento dispón de 1,2 millóns de euros para apoiar o mantemento de contratos indefinidos creados ao abeiro das axudas de 2025, cunha subvención máxima de 11.000 euros para persoas de colectivos vulnerables e de 10.000 euros para o resto.

Investimentos para fortalecer empresas no rural: PEL-Emprende Investimento

A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2.760.000 euros, está destinada a autónomos, pemes e microempresas de concellos de menos de 10.000 habitantes e cubrirá ata o 70% dos investimentos realizados en maquinaria, mobiliario, equipos informáticos ou aplicacións tecnolóxicas directamente vinculadas á actividade empresarial, cun máximo de 17.500 euros por beneficiario. Todos os elementos subvencionables deberán ser novos.

Un programa estratéxico que leva creado máis de 8.100 empregos

O Plan de Emprego Local é unha das principais apostas de impulso económico da Deputación da Coruña. Entre 2016 e 2025 destináronse máis de 127 millóns de euros e creáronse 8.131 empregos, consolidándose como unha ferramenta clave para fixar poboación, promover emprego estable e mellorar a competitividade das empresas, especialmente no rural. A través do PEL, a Deputación avanza nun modelo de desenvolvemento sustentable que reforza a cohesión territorial e impulsa a actividade económica local.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X