A Deputación financia con medio millón de euros feiras de produtos locais e campañas de dinamización de comercio en 34 concellos da provincia
As axudas de promoción económica apoian algunhas das principais feiras de produtos locais, programas de dinamización do comercio local e campañas especiais de Nadal
Publicáronse tamén as bases da convocatoria de 2025, cun orzamento de 700.000 euros
A Deputación da Coruña financia con preto de medio millón de euros actividades de promoción económica de 34 concellos coruñeses durante o 2024.
A institución provincial vén de publicar no BOP do pasado 5 de decembro a concesión provisional das subvencións para o financiamento de 34 programas e actividade de municipios de menos de 50.000 habitantes por un importe total de 497.710,57 euros.
As axudas, que oscilan entre os 9.000 euros e os 42.000 euros, financia accións, evento e feiras de promoción de produtos agroalimetarios e gastronómicos locais de calidade coma Horta da Laracha, Semana da Tortilla de Betanzos, Festa do Galo de Arteixo, Festa da Empanada de Carral, Festa da Pataca de Coristanco, Festa da Sardiña Lañada de Cariño, Festa do Melindre de Melide, Festa do Pan de Neda ou Festa do Polbo de Mugardos ou ArteMar en Ribeira.
A Deputación apoia tamén programas de dinamización do comercio local en municipios como Bergondo, Brión, Laxe, Camariñas, Noia, Negreira, Vimianzo ou Vedra e campañas especiais de Nadal en vilas coma Carballo, Carnota, Corcubión, Culleredo, Fisterra ou Outes.
Bases das axudas para 2025
No mesmo BOP, publícanse as bases reguladoras das axudas para actividades de promoción económica dos concellos de menos de 50.000 habitantes durante 2025, cun orzamento de 700.000 euros.
A convocatoria ten por obxecto "subvencionar accións tendentes a impulsar o desenvolvemento económico, o fomento do emprego, o apoio ao comercio e a hostalaría, apoiando liñas de comercialización e promoción dos nosos produtos de calidade", segundo se explicita nas bases.
Dentro da variedade de iniciativas subvencionables destacan a organización de xornadas, seminarios ou galas relacionados coa promoción económica da provincia; as festas de recoñecido interese turístico, feiras de artesanía e de exaltación de produtos típicos da zona; e as actividades de promoción, difusión e animación do comercio local e da hostalería, entre as que se circunscriben as campañas de nadal, a animación comercial en núcleos urbanos, decoración e animación en zonas comerciais ou campañas de fidelización de clientes, entre outras.
As dúas resolucións publicáronse no BOP do 5 de decembro, que pode consultar aquí:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/12/05/2024_0000008744.html
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/12/05/2024_0000008774.html