Recepción na Deputación ás participantes no Congreso Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas”
A deputada Rosa Ana García deu a benvida a unha delegación das alcaldesas, concelleiras e políticas locais de Cabo Verde, Mozambique, Brasil e Galicia que participan no encontro
A deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, recibiu hoxe luns no salón de plenos da Deputación a unha delegación das alcaldesas e concelleiras participantes no congreso internacional "As elixidas", organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Deputación e a Fegamp, que durante os vindeiros dous días reúne na Coruña a políticas locais procedentes de Cabo Verde, Mozambique, Brasil e Galicia.
Rosa Ana García deu a benvida ás participantes á provincia da Coruña e destacou a importancia de promover a participación das mulleres en política, "un ámbito no que aínda temos un longo camiño por avanzar" e de contar con foros como este encontro "que nos permiten o diálogo, o intercambio de experiencias e reflexións sobre a participación da muller na política, especialmente no ámbito municipal".
Pola súa banda, a representante do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Andrea García, afirmou que "pensamos que nos países europeos temos cotas de representación feminina superiores, pero os datos amosan que non sempre é así", apuntou.
Durante os vindeiros días, as participantes no Congreso debaterán sobre cuestións como as metas e desafíos das mulleres na toma de decisións no ámbito local, a promoción de políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero ou o rol das mulleres electas na política local.
Programa das xornadas:
https://fondogalego.gal/wp-content/uploads/AsElixidas_programa.pdf