Abderrahmane Aferdi e Alice Finot gañan Os 10.000 Peregrinos, que bate récord de participación
"Os 10.000 peregrinos consolídase como a gran cita do atletismo en Galicia", afirma o presidente da Deputación, Valentín González Formoso
Máis de 2.350 atletas de todas as idades participaron na carreira, cunha espectacular meta na praza do Obradoiro

Abderrahmane Aferdi e Alice Finot foron os gañadores absolutos nas categorías masculina e feminina da 10k "Os 10.000 peregrinos" da Deputación da Coruña, que esta tarde se celebrou en Santiago de Compostela.
As rúas do centro histórico de Compostela convertéronse no espectacular escenario desta carreira, na que participaron ao longo da tarde 2.356 atletas de todas as idades, entre eles grandes figuras do atletismo español e internacional como os campións de Europa Adrián Ben e Alice Finot, Yahya Anouina, Ana Santiso, Najwa Chouati, Pol Oriach, ou Cristina Ruíz, pero que contou con diferentes probas aptas para todas as idades: 10k e 5k, unha carreira de dous quilómetros en ruta para os atletas máis pequenos; e unha andaina de cinco quilómetros en ruta.
"Estamos moi satisfeitos da importante participación nesta terceira edición dos 10.000 peregrinos, que queremos consolidar como a gran cita anual do atletismo en Galicia nun marco incomparable como é Santiago de Compostela", destacou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que participou na praza do Obradoiro no acto de entrega de premios aos gañadores e gañadoras da proba xunto ao deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, afirmou que esta proba de calendario internacional "é a de máis nivel de cantas se celebran a día de hoxe en Galicia" e agradeceu a colaboración da Federación Galega de Atletismo e o Concello de Santiago para a organización do evento.