Estás en:Emprego

A Deputación achega este ano case 620.000 euros para as políticas de xénero das entidades sen fins de lucro

As 16 asociacións beneficiaras do programa FOIO0B recibirán subvencións de entre 900 e 12.000 €, e as 52 adxudicatarias do FOIO0A, entre 1.600 e 31.000 €

A Deputación achega este ano case 620.000 euros para as políticas de xénero das entidades sen fins de lucro

A Deputación da Coruña achegará este ano un total de 618.075 euros para os programas FOIO0B e FOIO0A, de subvencións a entidades sen fins de lucro para o investimento en políticas de xénero (73.414 €) e para o mantemento de programas en políticas de xénero. Serán 16 as asociacións que reciban as axudas do FOIO0B (que van dos 900 aos 12.000 €) e 52 as beneficiarias do FOIO0A (entre os 1.600 e os 31.000 €).

"Con estas liñas de axudas", explica a deputada de Igualdade, Sol Agra, "reafirmarmos o compromiso coas políticas de xénero, apoiando iniciativas que promovan a igualdade real e efectiva". "Sabemos", engade, "que o cambio comeza desde o local, e estes investimentos son unha ferramenta clave para apoderar as mulleres, combater a violencia de xénero e fomentar a participación activa de todos os colectivos na loita pola igualdade".

Agra salientou a importancia da colaboración da administración provincial co tecido asociativo: "É esencial que as administracións apoien as entidades, que nós sentimos como aliadas, pois a súa experiencia e coñecemento do territorio son fundamentais para deseñar e poñer en marcha políticas eficaces".

"No noso departamento queremos que as asociacións teñan os recursos necesarios para desenvolveren iniciativas transformadoras, que incidan na educación en igualdade, na prevención das violencias de xénero ou na promoción da participación social e política das mulleres. Sabemos que sen o seu traballo diario non sería posible avanzar nin consolidar os logros acadados".

As listaxes de beneficiarios poden consultarse e descargarse no BOP do 4 de abril e do 8 de abril.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X