Estás en:Emprego

O 99% das persoas que empregan a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle valora positivamente a experiencia

Así o reflicte un estudo da Deputación e a Asociación de Concellos da Vía para coñecer o perfíl das persoas usuarias

O 99% das persoas que empregan a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle valora positivamente a experiencia

A Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle presenta os resultados do estudo encargado para coñecer os perfís das persoas usuarias e o seu grao de satisfacción. A análise, que foi posible grazas a unha subvención da Deputación da Coruña no ano 2024, complementa os datos de afluencia recollidos polos catro contadores situados na vía.

Segundo o estudo, o perfil maioritario das persoas usuarias corresponde a homes de entre 35 e 49 anos, traballadores do sector privado e residentes nalgún dos municipios polos que discorre a Vía Verde. A maior parte accede en vehículo particular (61%) e a emprega principalmente para camiñar (60%), seguido do uso en bicicleta. Ademais, o 68% das persoas consultadas afirman utilizala de forma habitual, especialmente aquelas que residen na contorna.

Os accesos máis utilizados atópanse en Ordes e Oroso, mentres que Cerceda é a entrada principal para as persoas non residentes nestes concellos. A Estación de Ordes - A Pontraga constitúese como o punto de finalización máis frecuente do percorrido.

En canto aos hábitos de uso, as fins de semana, especialmente os domingos, son os días preferidos para transitar pola Vía Verde, cunha clara preferencia polas mañás entre as persoas ciclistas. A maior parte das persoas usuarias percorren a vía acompañadas ou en solitario, sendo menos habitual en grupos numerosos.

A contorna natural é o aspecto máis valorado, pero tamén se identifican necesidades de mellora. As principais demandas inclúen a instalación de fontes de auga potable, áreas de descanso, maior oferta hostaleira e servizos de baños. Ademais, subliñouse a urxencia de mellorar a iluminación no túnel, as deficiencias na limpeza e a falta de papeleiras.
Ademais, tamén destacaron varias propostas de mellora como a ampliación da Vía ata Santiago de Compostela, a instalación dunha sinalización máis clara e a creación de espazos de sombra e recreo.

A pesar destes aspectos a mellorar, a acollida da Vía Verde é moi maioritariamente positiva: o 99% das persoas participantes valoran a experiencia como positiva e recomendarían a ruta a familiares e amizades. Os ciclistas amosan un grao de satisfacción superior, cun 94% en comparación coas persoas que camiñan, que foi dun 77%, sendo estas últimas as que máis reclaman melloras nos servizos dispoñibles.

Este estudo ven a completar a información obtida polos catro contadores situados ao longo da Vía Verde, neste senso, no ano 2024, o contador situado na estación da Pontrada (Ordes), un dos principais puntos de entrada e saía, superou a cifra de 54 mil usos, fronte aos 28 mil do 2023. Se temos en conta só o dato contabilizado na dirección maioritaria – cara Santiago – a cifra alcanza practicamente os 42 mil usos, o que supón máis do doble do rexistrado a anualidade anterior.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X