Estás en:Emprego
BIBLIOCLIP, música dende a BPDC

“Imaxino cando crezas, verás como vas brotar”

Tema: Gabriela Mistral
Canción: "La Trenza", Mon Laferte
...Imagino cuando crezcas, verás como vas a brotar...

“Imaxino cando crezas, verás como vas brotar”

Poesía e compromiso.

Poetisa, escritora, mestra rural, profesora, pedagoga, diplomática. Gabriela Mistral é unha das figuras máis influentes da literatura e a educación na América Latina.

O 7 de abril de 1889, nacía Lucila Godoy Alcayaga, en Vicuña, Chile. É coñecida polo pseudónimo de Gabriela Mistral.

De formación autodidacta, en 1904 comezou a traballar como mestra nunha escola rural. A partir desta data, empezaron a aparecer os seus primeiros escritos, en distintos xornais e revistas. En 1922, publicou en Nova York o seu primeiro poemario.

A súa vida virou ao redor da literatura, da docencia e da actividade diplomática. A causa desta última, realizou numerosas viaxes e pasou tempadas en diversas cidades europeas, norteamericanas e suramericanas, nas que publicou a maior parte das súas obras.

Faleceu en Nova York, en 1957.

Aínda que a súa obra poética non foi moi extensa, é unha das figuras máis relevantes da literatura chilena e iberoamericana. As súas composicións caracterízanse pola suma da simplicidade e a profundidade simbólica, mesturando o cotián e a reflexión espiritual.

Durante o período de entreguerras, unha parte dos poetas hispanoamericanos seguiu ás vangardas europeas. Outros decidiron afastarse desta tendencia e dedicarse a unha poesía máis sinxela e humana, entre eles destacou Gabriela Mistral.

Tras uns inicios marcados polo modernismo, foi derivando cara a un estilo persoal, cunha linguaxe coloquial e simple, e un simbolismo que enlaza co folclore. Nos seus versos mostrou a súa intimidade, e concedeu un lugar destacado á infancia, á que dedicou unha parte importante deles, aos desvalidos e á súa propia terra. Tratou temas como o amor, o sufrimento, a maternidade, a educación e a xustiza social.

Postumamente, foron publicados o poemario que dedicou a Chile, onde representou a súa xeografía, natureza e xentes; a primeira edición das súas poesías completas; así como diversas antoloxías das súas composicións e recompilacións das súas cartas e textos.

En 1945, recibiu o Nobel de Literatura, sendo a primeira muller latinoamericana e a segunda persoa de Latinoamérica en outorgarllo. Este feito tivo un gran impacto na súa carreira, aumentou a súa visibilidade internacional e ofreceulle unha posición desde a que seguir apoiando as causas que lle importaban. O seu galardón demostrou a riqueza da literatura iberoamericana, e abriu o camiño para que outros autores da rexión foran recoñecidos a nivel mundial. Igualmente, a súa obra inspirou a novas xeracións de poetas e escritores a explorar temáticas sociais e persoais.

Tamén escribiu ensaios e artigos xornalísticos, nos que analizou temas como a educación, a infancia, a valoración do indixenismo ou o papel da muller na sociedade hispanoamericana.

Antes de ser unha poetisa recoñecida, Mistral desenvolveu en Chile unha destacada traxectoria como mestra e pedagoga. Consideraba que unha educación de calidade podía transformar vidas e comunidades. A causa da súa ampla experiencia, en 1922 foi convidada polo goberno de México a colaborar nos seus plans de reforma educativa. Alí contribuíu á reorganización do sistema escolar, promovendo a educación rural e a incorporación de métodos de ensino innovadores. O seu labor favoreceu a mellora da alfabetización en zonas marxinadas e a revalorización da educación como ferramenta de cambio social. Tamén, durante os anos 30, deu clases nos Estados Unidos e colaborou con varias universidades latinoamericanas.

A partir da década de 1920, sucedéronse os traslados entre América e Europa do seu lugar de residencia, ao ser nomeada cónsul e representante en diversos organismos internacionais, entre outros cargos. Aproveitou a súa condición de diplomática en países como Brasil, España e Estados Unidos, para defender os dereitos humanos e impulsar a protección da infancia e dos pobos indíxenas.

A súa vida recibiu á atención dos críticos literarios. Pero, esta fascinación prexudicou ao estudo da súa obra e afectou o coñecemento da súa biografía, xa que nestes escritos biográficos adoita existir certa mitificación.

Gabriela Mistral foi unha das poetisas máis importantes do século XX. Influíu na obra de moitos autores latinoamericanos, como Pablo Neruda e Octavio Paz, tal e como eles mesmos recoñecerían.

A poetisa que quería mudar vidas.

Vídeo
YouTube: https://www.youtube.com/watch?v=1hOzMtzFwg0

Música
Spotify: https://open.spotify.com/intl-es/track/10Tf0pmDJDUIfzZf87kwt5

Recomendacións lectoras
Papel:
• "Mistral. Una vida: solo me halla quien me ama, 1889-1922", Elizabeth Horan [sinatura: 3Z/2691]
• "Tala", Gabriela Mistral [sinatura: 3A/3059]
• "Niña errante: cartas a Doris Dana", Gabriela Mistral [sinatura: 3Z/335]
• "Antología poética de Gabriela Mistral", selección de Alfonso Calderón [sinatura: 3M/25769]
• "Gabriela Mistral: una mujer sin rostro", Lila Zemborain [sinatura: 3M/20286]
• "La poesía hispanoamericana del siglo XX", Teodosio Fernández [sinatura: 82 BIB / a]
• "Ronda de astros", Gabriela Mistral [sinatura: P MIS ron / r]

Dixital:
https://ebiblio.dacoruna.gal/info/caminando-se-siembra-prosas-ineditas-00451398
https://ebiblio.dacoruna.gal/info/gabriela-mistral-en-verso-y-prosa-antologia-00050067
https://ebiblio.dacoruna.gal/info/almacigo-poemas-ineditos-de-gabriela-mistral-00357171
https://ebiblio.dacoruna.gal/info/paginas-perdidas-de-la-vida-mia-compilacion-notas-y-referencias-de-jaime-quezada-00352903
https://ebiblio.dacoruna.gal/info/secreto-encanto-00352904
https://ebiblio.dacoruna.gal/info/la-nina-del-pescadito-00352987

Audiolibro:
https://ebiblio.dacoruna.gal/info/la-estacion-de-las-mujeres-00040505

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X