Estás en:Emprego

A Deputación clausura en Outes os cursos de Defensa Persoal Feminina, nos que participaron 300 mulleres da provincia

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou o éxito de participación nos cursos

A Deputación clausura en Outes os cursos de Defensa Persoal Feminina, nos que participaron 300 mulleres da provincia

A piscina municipal de Outes acolleu esta mañá o derradeiro curso e o acto de clausura do III Seminario Intensivo de Defensa Persoal Feminina promovido pola Deputación da Coruña, unha iniciativa que remata esta terceira edición cun balance moi positivo: máis de 300 mulleres entre os 12 e os 70 anos participaron nos diferentes cursos celebrados por toda a provincia.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, que participou no acto de entrega de diplomas, destacou a importancia deste programa "non só para fomentar hábitos de vida saudables, senón tamén para dotar as mulleres de ferramentas prácticas que reforcen a súa confianza e autonomía persoal".

Os seminarios, de carácter totalmente gratuíto, desenvolvéronse en colaboración cos concellos participantes (Cedeira, Ordes, Valdoviño, Negreira, A Pobra do Caramiñal, Cerceda, Arzúa e Outes) e contaron con talleres de tres horas de duración impartidos por especialistas, nos que as asistentes recibiron formación básica en técnicas de defensa persoal, ademais de traballar aspectos físicos e emocionais relacionados coa autoprotección.

A Deputación da Coruña aposta así por unha programación deportiva inclusiva e con perspectiva de xénero, que contribúe á igualdade real e á loita contra as violencias machistas, tamén desde o ámbito do deporte.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X