Estás en:Emprego
Notas para unha edición coruñesa

Editorial Nós (1927-1936)

Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano da fundación da biblioteca ata a actualidade.

Editorial Nós (1927-1936)

O libro "Cantigas e verbas ao ar" do escritor e periodista Xulio Sigüenza Raimúndez, publicado no 1928, é un testemuño de como a poesía galega entra na modernidade. Do mesmo xeito que o son outros poemarios publicados tamén pola editorial Nós neses anos: "De catro a catro" de Manuel Antonio ou "O Galo" de Amado Carballo, escritor ao cal se lle dedica "Cantigas e verbas ao ar".

Xusto un ano antes desta publicación nace a editorial Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta, o proxecto co que Ánxel Casal continúa o labor, que xa comezara con Lar, de modernizar e difundir o libro galego. De feito Nós comeza no mesmo local onde estaba Lar: no 1º piso do número 36 da rúa Real da Coruña. O selo que identificará a esta nova editorial vai ser un hórreo cuns nenos lendo ao seu carón, unha obra de Castelao da que dirá: "fartura de corpo e de espírito, ese ten que ser o noso país".

Neste novo proxecto editorial (como xa pasara con Céltiga e Lar) o gosto polo deseño e o grafismo é evidente e a ilustración ocupa un papel moi importante. Nós é a editora que ten o maior número e variedade de cubertas ilustradas ata o momento.

A cuberta de "Cantigas e verbas ao ar" foi ilustrada pola artista Lolita Díaz Baliño: un fermoso deseño a dúas tintas, azul e negra, no que predomina unha liña ondulante e que dá como resultado unha imaxe misteriosa que conecta moi ben co contido da obra.

Lolita Díaz Baliño e María Cabo son ás dúas únicas mulleres que ilustran libros en Galicia nesa época.

Ademais nesta publicación atopamos a outra autora mais: a poeta uruguaia Juana de Ibarbourou encárgase do prólogo. Unha autora de ascendencia galega e que escribe en lingua galega este texto no cal invoca para a obra "a tóda-las potencias celestes que teñen o claro dominio da perfecta apreciación da beleza enxebre". Unha chiscadela a ese sentir animista e de amor á natureza que comparten ambos autores.

Esta obra, concibida en Montevideo pero publicada na Coruña, volverá ser editada por segunda vez co título "Verbas do ar" no ano 1957.

Imaxe páxina web liña do tempo destacado 6.png

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X