A deputada de igualdade, Soledad Agra, salienta o papel “fundamental” das institucións na consecución da igualdade real entre mulleres e homes
A titular de igualdade participou esta mañá nas xornadas "Implicando: xénero e política" da UDC, nunha mesa redonda sobre políticas de igualdade de xénero e de participación pública

A deputada de igualdade, Soledad Agra, participou esta mañá nas xornadas "Implicando: xénero e política" da Universidade da Coruña baixo a organización de GENPOL, un equipo de investigación sobre as desigualdades políticas de xénero nas actitudes e comportamentos co obxectivo de identificar e propoñer espazos para mellorar a igualdade.
Concretamente, a deputada formou parte dunha mesa de pensamento e debate sobre políticas de igualdade de xénero e de participación pública, formada por representantes do ámbito estatal, provincial e local do Estado en materia de igualdade de xénero e participación pública. Así, estivo acompañada de Cristina Hernández, do Instituto de las Mujeres; Ana Ermida, alcaldesa do Concello de Barreiros e Cecilia Pérez, alcaldesa de El Franco (Asturias).
Agra destacou o papel das institucións, "fundamental" para "conseguir a igualdade real entre mulleres e homes" a través de "políticas de igualdade, na propia organización e de cara á veciñanza". Unha igualdade que "tal e como demostran as estatísticas, aínda non é real. Por exemplo, no ámbito político queda moito por facer, na Galiza só un 18 % das alcaldías son ocupadas por mulleres". Neste sentido, a titular de igualdade referiuse ao "compromiso" da Deputación coas políticas de igualdade, "que se plasma no programa 'Compartimos Plan', ao que están adheridos todos os concellos da provincia, e en outros como as subvencións a concellos para financiar persoal técnico de Igualdade ou as subvencións a entidades que traballan neste eido".
As xornadas "Implicando: xénero e política" desenvólvense durante o día de hoxe no espazo NORMAL da UDC, contando con tres dimensións: política, comunitaria e académica. O obxectivo é, por unha parte, artellar un espazo de transferencia dos resultados da investigación "Brechas de género en la participación política: edad, conciliación, trabajo – familia y ámbito local y nacional" (PID2020-115568RB-100), e, por outra, favorecer a formación e sensibilización en materia de igualdade de xénero e política.