Estás en:Emprego

Lingua da Deputación apoia a iniciativa ‘Ponte nas Ondas’ na reivindicación dunhas Letras Galegas universais

O venres 23 de maio celebrarase en Santiago a foliada das letras galego – portuguesas "Agora cantamos nós!", coa participación de escolas galegas e portuguesas e agrupacións musicais das dúas beiras do Miño

O proxecto inclúe a gravación dun audiovisual documental e a publicación dun Cancioneiro galego-portugués financiado pola Deputación

Lingua da Deputación apoia a iniciativa ‘Ponte nas Ondas’ na reivindicación dunhas Letras Galegas universais

A ONG consultora da UNESCO para o Patrimonio Cultural Inmaterial "Ponte... nas ondas!" (PNO!) celebra as Letras Galegas 2025 reivindicando o patrimonio oral galego – portugués. Un proxecto que conta co apoio da área de lingua da Deputación e que inclúe unha foliada, a gravación dun audiovisual documental e a publicación dun Cancioneiro galego – portugués.

A Foliada das Letras Galego-Portuguesas "Agora cantamos nós!", que terá lugar o 23 de maio en Santiago de Compostela, xuntará a grupos de música, baile e pandereteiras de 15 centros educativos de Galicia e Portugal, sumando máis de 500 mozos e mozas. O obxectivo é dar a coñecer o cancioneiro tradicional e a literatura popular oral, un patrimonio compartido con Portugal e cos demais países de lingua portuguesa, ás novas xeracións de ambos territorios. Trátase dunha celebración para que o alumnado comparta un día de festa con outros grupos de escolas galegas e portuguesas. Ao mesmo tempo, grupos de música profesionais e persoas portadoras da tradición oral intervirán da para que se produza a necesaria transmisión dos seus saberes aos asistentes. É o caso de De Vacas e Os Fondaos do Pínfaro.

Por outra banda, Ponte...nas ondas! promove a publicación dun cancioneiro tradicional galego-portugués cunha escolma de cantigas comúns a Galicia e Portugal e que tamén se espallaron polos países de lingua portuguesa. Este cancioneiro que mostrará as afinidades entre as letras das cantigas chegará aos centros educativos no outono e vaise divulgar tamén en Portugal.

A deputada de lingua, Soledad Agra, sinalou que "esta iniciativa que se enmarca na celebración das Letras Galegas 2025 que este ano homenaxea ás nosas cantareiras, vai máis aló para poñer en valor todo ese patrimonio compartido que temos co país veciño, fonte dunha gran riqueza histórica e cultural".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X