Estás en:Emprego

O festival ‘Aquí tamén se fala’ celebra o 13 de xuño “a lingua, cultura e o patrimonio inmaterial que nos transmitiron as nosas cantareiras desde fai séculos”

A deputada de lingua, Soledad Agra, acudiu esta mañá á presentación do evento, onde puxo en valor o traballo da organización e da mocidade implicada para "celebrar que temos lingua propia e que estamos orgullosas dela"

A Deputación apoia a celebración deste festival cunha achega de 18.000€

A coruñesa praza da Tolerancia acollerá o 13 de xuño dende as 17h o festival, que contará coas actuacións de Dios Ke Te Crew; Boyanka Kostova; Alana; Pava e Ulex

O festival ‘Aquí tamén se fala’ celebra o 13 de xuño “a lingua, cultura e o patrimonio inmaterial que nos transmitiron as nosas cantareiras desde fai séculos”

O IES Rafael Dieste acolleu esta mañá a presentación do festival 'Aquí tamén se fala', que terá lugar o venres 13 de xuño a partir das 17h na praza da Tolerancia. A deputada de lingua, Soledad Agra, destacou durante a súa intervención no acto a "afouteza, alegría e o inconformismo da mocidade" que se plasma nesta reivindicación da "lingua, a cultura e o patrimonio inmaterial que nos transmitiron as nosas cantareiras desde fai séculos". A entidade provincial apoia a celebración deste festival cunha achega de 18.000€.

Os grupos Dios Ke Te Crew; Boyanka Kostova; Alana; Pava e Ulex serán os encargados de poñer a música a este proxecto que, tal e como sinalou a deputada, "demostra que o galego está vivo e que aos datos estatísticos pode dárselle a volta". Neste sentido, Agra agradeceu o traballo da organización, "ao equipo de normalización lingüística do IES Rafael Dieste, e especialmente a Alberto Pombo, Arcadio González, e Mónica Reigía, pero tamén á dirección do centro", e á "rapazada que se sumou á iniciativa" celebrando que "temos lingua propia e estamos orgullosas dela".

"Como estamos orgullosas de ser dunha Galiza con entidade propia, cunha riqueza medioambiental e produtiva que debemos coidar e cunha riqueza cultural inmensa", apuntou a deputada. Ademais, "somos un país acolledor, por iso temos tanta rapazada doutros países neste grupo do AQUÍ TAMÉN SE FALA".

Agra concluíu afirmando que o galego "suma", pois "é unha lingua vital, para vivir, cantar, estudar calquera materia educativa, desenvolver calquera traballo científico, viaxar, facer deporte e amar". E, engadiu: "Estamos a tempo de darlle outro rumbo ó galego, e así poderemos dicir en toda Galiza: AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X