A Deputación apoia con medio millón de euros a celebración de 24 grandes eventos deportivos na provincia da Coruña
O Pantín Classic, a Samurai Xtreme Race do lago das Pontes, o Gran Premio Cantones de marcha atlética da Coruña, a fase de ascenso do OAR Coruña, os Rallyes de Ferrol e Rías Altas ou a Travesía Costa Ézaro, entre os eventos que apoia este ano a Deputación

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional de 24 axudas económicas a outros tantos clubs, asociacións e sociedades da provincia que levan a cabo distintos eventos deportivos de singular interese nos concellos da provincia durante o ano 2025.
As achegas provinciais, incluídas nunha das múltiples liñas de subvencións ao deporte que impulsa cada ano a Deputación, supoñen un investimento global de 499.250 euros, que teñen como obxectivo "apoiar a celebración de grandes eventos deportivos, que reúnen a deportistas do máximo nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da nosa provincia a nivel nacional e internacional ", segundo destacou o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, que subliñou que esta convocatoria encádrase dentro dos 4,5 millóns de euros que a Deputación destina en distintas liñas de axudas directos aos clubs para impulsar o deporte coruñés, desde as categorías de base a grandes eventos coma estes.
A Deputación da Coruña colabora así este ano na financiación de probas deportivas de renome como o Pantín Classic Galicia Pro, proba da World Surf League; os campionatos de Autocross de Carballo e Arteixo, puntuables para o campionato de España; o Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantones da Coruña-Trofeo Sergio Vázquez, que reúne a algúns dos mellores atletas de marcha do mundo, a recente celebración da fase de ascenso a división de honor B do OAR Coruña de balonmán, o rallye Rías Altas de vehículos históricos e o ecorallye da Coruña, o III Trail Ruta dos faros da Costa da Morte, a XII proba ciclista Rutas Xacobeas- Copa de España, Equiocio Ferrol ou o campionato de España de Surf Open e Liga ProSurfing na Coruña.
As axudas, que oscilan entre os 17.750 e os 25.000 euros, poden consultarse aquí:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/05/23/2025_0000003225.html