Castelao dramaturgo
Castelao só escribiu unha obra de teatro, Os vellos non deben de namorarse, unha comedia que conta os amores tardíos de tres vellos con tres mozas novas, e que incorporaba tendencias anovadoras do teatro europeo xunto coa tradición popular galega.

A única obra de teatro escrita por Castelao é considerada unha das pezas máis populares do teatro galego. Foi escrita "para regalía do pobo galego" na cidade de Nova York, como remedio para "matar as horas de morriña" e rematouse no inverno de 1939. En palabras do autor esta obra foi froito da combinación de dúas sensibilidades: a literaria e, tamén, a imaxinación plástica do pintor.
A obra estreouse no 1941 en Bos Aires, ben recibida pola crítica e os intelectuais, e un par de meses despois Montevideo. Castelao non puido asistir á estrea en Uruguay e mandou unha gravación, en castelán, que constitúe o único documento sonoro coa súa voz. O texto publicouse como libro en 1953, da man de Editorial Galaxia.
Fonopostal coa voz de Castelao, Arquivo Sonoro de Galicia. Tirado do web do Consello da Cultura Galega.
Accede ao contido aquí: CCG_fonopostal_1941_castelao.mp3
Existen informacións concretas (Luís Pérez, Ediciós do Castro, 1996) de que xa en 1971 chegou ese documento a Galicia e de que, polo menos, había a intención de facilitarlle unha copia a Isaac Díaz Pardo para o Museo Maside, pero non se pode confirmar este feito. Do que si sabemos con certeza é da doazón por parte do actor e amigo de Castelao que participou na estrea americana, "Tacholas", de máscaras orixinais do propio autor para a obra de teatro. Na actualidade, estas máscaras encóntranse conservadas no Museo de Pontevedra.
A finais dos anos noventa Afonso Vázquez-Monxardín, promotor do ASG, conseguiría contactar persoalmente en Bos Aires coa filla do propio "Tacholas", Clotilde, e chegar a un acordo para o traslado definitivo do documento a Galicia e a súa custodia e conservación definitiva no dito Arquivo. Isto todo confírmanolo a súa actual coordinadora técnica, Cristina Pujales.
Os vellos non deben de namorarse
Castelao escribiu primeiramente o terceiro lance contando, coma nos outros dous, a historia dun vello que se namora dunha moza. Os personaxes son personaxes-tipo, equivalentes, inda que de diferente extracción social, que compoñen historias pechadas e xustapostas. Ó final da obra, un epílogo reúne os tres vellos mortos no cemiterio, para que eles nos conten o propósito da farsa.
A obra, escrita coa convicción de que o redundante -recurso que na literatura galega se presenta frecuentemente e que ten raíz popular- ten sumo valor expresivo, foi dirixida na súa primeira representación por Varela Buxán, director da compañía de teatro Maruja Villanueva, coa colaboración directa do propio Castelao, quen ademais deseñou toda a escenografía. O carácter repetitivo da peza Os vellos non deben de namorarse baséase no feito de ser unha triloxía, composta por tres versións (lances), encadradas entre un prólogo e un epílogo, dun mesmo esquema dramático.
Varela Buxán doou os figuríns orixinais de Castelao ó Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, e o mesmo fixo en 1975 Fernando Iglesias 'Tacholas', actor que interpretara o papel de don Ramonciño, coa colección das 19 caretas que Castelao creou para os diferentes actores da obra.
A obra representouse por vez primeira en Galiza nas Festas do Apóstolo Santiago de 1961, na praza da Quintana. A obra, representada por Cantigas e Agarimos, estivo dirixida por Rodolfo López-Veiga, e o decorado foi feito por Ánxel Morón. Despois desa representación a obra levouse a Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e a Lugo nas festas de San Froilán.
Fontes:
Consello da Cultura Galega. A Voz de Castelao. [Recurso web]
Wikipedia, a enciclopedia libre.