Máis de 100 deportistas daranse cita este domingo en Culleredo na proba inclusiva ‘Maratón Autonómico Urbano’

O edificio de Servizos Múltiples do Burgo acolleu a presentación oficial do 27.º Maratón Autonómico Urbano de Special Olympics Galicia, que se celebrará este domingo, 15 de xuño, no Paseo da Ría do Burgo, en Culleredo. A Deputación da Coruña colabora con este evento deportivo e inclusivo cunha achega económica de 3.000 euros, dentro da súa liña de apoio ao deporte adaptado e á integración social.
O acto contou coa presenza de representantes de Special Olympics Galicia, Aspronaga, FADEMGA Plena Inclusión Galicia e do Concello de Culleredo. En representación da Deputación da Coruña asistiu o deputado provincial e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, quen destacou a importancia deste tipo de iniciativas Sinalando que "é todo un orgullo para o noso concello, no que apostamos e traballamos pola inclusión real e pola igualdade de oportunidades para todas e todos". Tamén agradeceu "todo o traballo que realizan asociacións como as aquí presentes, cuxa labor é imprescindible na nosa sociedade".
Pola súa banda, Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia, quixo agradecer o compromiso do Concello de Culleredo, comentando que "a implicación municipal facilita moito o noso labor, e iso verase reflectido este domingo, cando esperamos que todas as persoas participantes desfruten dunha gran xornada".
Programa completo
A 27ª edición do Maratón Autonómico Urbano de Special Olympics Galicia contará con varias probas adaptadas aos coñecementos e capacidades físicas dos deportistas. Así, haberá carreiras de 3.000 metros, 1.500 metros, 800 metros e 300 metros.
O evento dará comezo ás 10:45 horas co acto inaugural, no que se realizará un desfile das e dos deportistas participantes. As carreiras arrancarán ás 12:00 horas e prolongaranse ata as 14:20 horas, cando se prevé a súa finalización.
Unha vez rematada a competición, procederase á entrega de medallas e trofeos, recoñecendo as boas prácticas deportivas: o respecto ás normas, o xogo limpo e o trato correcto cos árbitros.
Como peche da xornada, celebrarase un xantar conxunto a partir das 15:00 horas, seguido dunha sesión de actividades de tarde programadas entre as 16:00 e as 16:30 horas.