Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña convoca a XXXIII Copa Deputación de Fútbol con 24.000 euros en premios

A Deputación da Coruña convoca a XXXIII Copa Deputación de Fútbol con 24.000 euros en premios

Victoria B, campioas da Copa Deputación de Fútbol 2024

A Deputación da Coruña vén de aprobar a convocatoria e as bases reguladoras da XXXIII Copa Deputación de Fútbol Afeccionado, unha das citas máis consolidadas do calendario deportivo provincial, que reunirá aos equipos gañadores das copas oficiais organizadas pola Real Federación Galega de Fútbol nas catro grandes zonas da provincia: A Coruña, Costa da Morte, Ferrol e Sar.

A través da área de Deportes, o ente provincial destina 24.000 euros en premios a esta nova edición, que contará con participación masculina e feminina, e cuxos encontros se celebrarán en formato de sede única ao longo de dúas xornadas: unha para semifinais e outra para as finais. O sorteo para o calendario definitivo da competición terá lugar o vindeiro martes, 17 de xuño, na sede da Deputación.

A distribución dos premios será a seguinte: 5.000 euros para os equipos campións masculino e feminino, 4.000 para os subcampións e 1.500 euros para cada un dos equipos que queden eliminados nas semifinais, tanto na categoría masculina como feminina.

A competición desenvolverase en datas e localizacións que anunciará a vindeira semana a Deputación a través da súa web e da páxina da Federación Galega de Fútbol www.futgal.es. A entrada a todos os encontros será gratuíta.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que "a Copa Deputación é unha mostra do compromiso da institución provincial co deporte de base e coa igualdade, reunindo a equipos masculinos e femininos de toda a provincia nun formato atractivo, competitivo e participativo". Segundo Leira, "a Copa Deputación de Fútbol é xa un clásico do verán, moi agardado tanto polos afeccionados como polos clubs da provincia. Estou seguro de que gozaremos dun gran espectáculo", apuntou.

Con esta convocatoria, a Deputación da Coruña apoia ao deporte base e afeccionado, favorecendo a práctica deportiva en igualdade e a participación de clubs de todos os recunchos da provincia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X