Oleiros acolle a XXXIII Copa Deputación de Fútbol
As semifinais disputaranse o 22 de xuño, mentres que as finais serán o seguinte sábado, 29 de xuño, todo no campo municipal da Marola, no Concello de Oleiros.
A institución provincial acolleu hoxe o sorteo dos emparellamentos.
En categoría masculina, o Galicia de Mugardos medirase ao Atlético Coruña Montañeros e a S.D. Negreira xogará contra o Dumbría CF.
A primeira semifinal feminina enfrontará ao Victoria co Dumbría, mentres que a S.D. O Val e a EFM Concello de Boiro loitarán pola segunda praza na final.

A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá, ás 10:30 horas, o sorteo oficial da XXXIII Copa Deputación de Fútbol Afeccionado, unha das citas máis emblemáticas do calendario deportivo provincial. No acto participaron o deputado de Deportes, Antonio Leira, o deputado provincial e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane —xa que o campo municipal da Marola, en Dexo, será este ano o escenario da competición—, o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, José Luis Villamisar, así como o secretario xeral da mesma entidade, Diego Batalla, o alcalde de Dumbría, Raúl González, e representantes dos clubs participantes.
O campionato, que reunirá aos equipos campións das catro grandes zonas da provincia (A Coruña, Costa da Morte, Ferrol e Sar), disputarase en formato de sede única e contará cunha xornada de semifinais e outra de finais. As semifinais femininas xogaranse o domingo 22 de xuño ás 10:30 e ás 12:30 horas, mentres que as semifinais masculinas terán lugar ese mesmo día ás 17:00 e ás 19:30 horas. As finais, tanto na categoría feminina como masculina, disputaranse o domingo 29 de xuño ás 10:30 e ás 12:30 horas, respectivamente, para evitar as horas de maior calor e facilitar a loxística do evento.
Os emparellamentos definidos no sorteo desta mañá deixan cruces de gran interese deportivo. Na categoría feminina, o Victoria CF enfróntase ao Dumbría (10.30 h), mentres que a S.D. O Val xogará contra a EFM Concello de Boiro (12.30 h.). Na categoría masculina, o Galicia de Mugardos medirase ao Atlético Coruña Montañeros (17.00 h.) e a S.D. Negreira xogará contra o Dumbría CF (19.30 h.).
24.000 euros en premios
A Deputación da Coruña destina 24.000 euros en premios para esta edición da Copa Deputación. Os equipos campións, tanto en categoría masculina como feminina, recibirán 5.000 euros; os subcampións, 4.000 euros; e os semifinalistas, 1.500 euros por equipo.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou na súa intervención a importancia dun "torneo emblemático" que acada xa a súa 33ª edición en categoría masculina e a 6ª na categoría feminina. Leira recoñeceu a "ilusión" que produce este campionato e aproveitou para "agradecer ao Concello de Oleiros a súa colaboración para acoller esta copa das copas".
Ademais, engadiu a importancia de "ademais de apoiar ás categorías amateur, coma neste caso estamos facendo; tamén é fundamental e está máis ca demostrada a nosa axuda e colaboración co deporte de base".
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, animou aos participantes e afeccionados a gozar do fútbol e do moito que o Concello de Oleiros ten que ofrecer durante estas dúas fins de semana do evento deportivo, que reúne aos mellores equipos de fútbol afeccionado da provincia.