O Boiro e o Montañeros, campións da Copa Deputación da Coruña de Fútbol 2025
Xogadoras e xogadores recibiron os trofeos de mans do deputado de Deportes, Antonio Leira, e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar, entre outras autoridades que asistiron ás finais

EMF Boiro e Atlético Coruña Montañeros proclamáronse hoxe campións da Copa Deputación da Coruña de Fútbol 2025 ao vencer nas finais que se disputaron no campo da Marola, en Oleiros. As boirenses impuxéronse por 4-1 ao Victoria CF coruñés na categoría feminina, mentres que o Montañeros gañou por 2-1 a final masculina fronte ao SD Negreira.
Tras os encontros, o deputado de Deportes, Antonio Leira; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol para A Coruña, Juan Luis Villamisar; a deputada provincial María del Mar Méndez; o concelleiro de Deportes de Boiro, Marcos Fajardo, e a concelleira de Deportes de Oleiros, Teresa Vázquez Maseda, entregaron os trofeos ás capitanas e capitáns dos equipos.
Os clubs gañadores das categorías masculina e feminina da Copa Deputación da Coruña conseguen automáticamente unha praza para a Supercopa Deputación, que disputarán este verán cos gañadores das outras competicións homólogas que se xogan nas provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense. O vencedor da Supercopa Deputación participará na fase previa da Copa do Rei de fútbol a vindeira tempada.
A Copa Deputación da Coruña é un dos torneos máis veteranos de cantos se disputan en Galicia. Reparte este ano un total de 24.000 euros en premios, recibindo 5.000 euros e un trofeo os campións, 4.000 euros os subcampións e 1.500 euros os semifinalistas.