Estás en:Emprego

A Deputación entrega unha nova furgoneta ao Club do Mar de Mugardos

A Deputación entrega unha nova furgoneta ao Club do Mar de Mugardos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron o Club do Mar de Mugardos para facer entrega dunha nova furgoneta de 9 prazas que facilitará os desprazamentos das rapazas e rapaces do club aos adestramentos e competicións nas que participan.

O vehículo, para o que a Deputación destinou 25.000 euros, permitirá ao club mellorar a loxística dos desprazamentos, nos que é necesario trasladar tanto aos deportistas como embarcacións e material deportivo. A iniciativa enmárcase no compromiso da Deputación co deporte de base e co apoio aos clubs da provincia, especialmente aqueles que traballan co deporte entre os máis novos.

Durante a visita, Formoso e Leira reuníronse cos membros da directiva da entidade e coincidiron cos mozos e mozas durante unha das sesións de adestramento, interesándose pola súa actividade, necesidades e polos proxectos do club. Ambos destacaron o traballo do Club do Mar de Mugardos como exemplo de fomento do deporte no ámbito local e de formación de valores entre a mocidade.

O presidente destacou que o Club do Mar de Mugardos "é unha referencia provincial no deporte remo, que conta cun gran arraigo nas nosa vilas costeiras" e destacou que a Deputación apoia este ano a 12 clubs de remo e piragüismo na adquisición de vehículos como o entregado hoxe en Mugardos, que son fundamentais para os desprazamentos ás competicións.

"Para nós é un espaladarazo e un alivio porque sen medio de transporte non hai regatas nin hai competición", afirmou o tesoureiro do Club do Mar de Mugardos, Guillermo Pereira, que agradeceu o apoio da Deputación e trasladou ao presidente algunhas das principais necesidades de mellora nas instalacións do club.

A Deputación da Coruña incrementou nos últimos anos a súa colaboración económica co club a través das liñas de subvencións da área de Deportes. Grazas a este apoio provincial, moitas das embarcacións e parte do material utilizado polo club foron adquiridos con fondos procedentes da institución.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X