Estás en:Emprego

O RallyShow Deputación da Coruña levará o mellor automobilismo galego ao circuíto das Pontes

O evento, que se celebrará o 30 de agosto, congregará a destacados pilotos e a numerosos afeccionados ao mundo do motor

O RallyShow Deputación da Coruña levará o mellor automobilismo galego ao circuíto das Pontes

O mundo do motor galego ten unha nova cita marcada en vermello no calendario: o RallyShow Deputación da Coruña, que se celebrará o vindeiro 30 de agosto no Circuíto de Karting das Pontes. Un evento pensado para vivir a emoción dos rallys a pé de pista, que busca achegar a paixón polos coches, a competición e a velocidade á cidadanía, cun formato trepidante, visual e ao alcance de todos os públicos.

Impulsado pola Deputación da Coruña, este espectáculo automobilístico chega para quedar. Cun deseño inspirado nos grandes eventos europeos, o RallyShow desenvolverase ao longo dunha única xornada pero promete deixar pegada: 16 pilotos mediranse en eliminatorias directas, en carreiras corpo a corpo, cheas de tensión e espectáculo, ata coroar ao gran vencedor nunha final ao mellor de tres.

A cita contará cun cartel de luxo, con pilotos destacados do panorama galego e estatal, nun escenario que se converterá por un día no epicentro do motor galego. A organización corre a cargo da Escuadra Forcarei MotorSport e RallyService, e contará coa tecnoloxía e cronometraxe profesional de Atodomotor, cun equipo humano de máis de 25 persoas e todos os protocolos de seguridade e asistencia médica preparados ao milímetro.

A acción comezará con mangas de adestramentos libres e oficiais, das que sairán os emparellamentos para os oitavos de final. A partir de aí, cada carreira será unha batalla a dúo, a tres voltas, cunha única meta: avanzar cara á final.

Ademáis, durante a xornada o público poderá gozar de exhibicións de carcross, un espectacular vehículo de drift como coche cero, música e animación.

O RallyShow Deputación da Coruña será tamén unha oportunidade para poñer en valor os atractivos turísticos, culturais e comerciais do Concello das Pontes, xerando un impacto económico e social directo na vila e reforzando o compromiso da Deputación coa dinamización do territorio a través do deporte.

Tras o éxito de eventos como o Master de Galicia en Forcarei, esta nova proposta chega con forza para consolidarse como unha cita de referencia no calendario do motor galego. Un espectáculo pensado para vibrar, para sentir e para vivir de preto a paixón polo automobilismo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X