Estás en:Emprego

A Deputación apoia en Fene un proxecto para recuperar a memoria das mulleres na reconversión naval

A iniciativa 'Mulleres da Reconversión' culminará cun documental, unha exposición itinerante e unha publicación dixital

A deputada de Igualdade, Sol Agra, destacou que o proxecto «forma parte da aposta decidida da Deputación da Coruña por integrar a memoria, a igualdade e a xustiza social nas políticas públicas»

A Deputación apoia en Fene un proxecto para recuperar a memoria das mulleres na reconversión naval

A Salón de Plenos do Concello de Fene acolleu esta mañá a presentación do proxecto 'Mulleres da Reconversión', unha iniciativa impulsada pola Área de Igualdade da institución provincial en colaboración co Concello de Fene, que ten como obxectivo recuperar, visibilizar e poñer en valor as historias de vida das mulleres vinculadas á reconversión naval e á transformación industrial da comarca de Ferrolterra.

No acto participaron Sol Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña; Sandra Permuy, alcaldesa de Fene; e Carla Chawla, directora de Navantia Fene, que amosaron o seu apoio ao proxecto e destacaron a importancia de recuperar a memoria colectiva das mulleres vinculadas ao naval, «historicamente invisibilizada».

Sol Agra destacou que «'Mulleres da Reconversión' forma parte da aposta decidida da Deputación da Coruña por integrar a memoria, a igualdade e a xustiza social nas políticas públicas», subliñando que o proxecto está aliñado cos obxectivos do Plan de Igualdade Provincial e forma parte da programación especial do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.

Asemade, a deputada puxo en valor «a necesidade de recoñecer o papel das mulleres non só como acompañantes, senón como suxeitos activos da historia económica e social do noso territorio».

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, quen se definu como «filla da reconversión», puxo énfase no impacto que as sucesivas crises do naval tiveron nas familias e na loclaidade. Por último, a directora de Navantia Fene, Carla Chawla, amosou o compromiso da empresa coa iniciativa, anunciando a súa disposición a facilitar documentación do proxecto.

Os testemuños compilaranse nun documental

'Mulleres da Reconversión' comezou a finais de 2025 cunha primeira fase de documentación e continúa o seu desenvolvemento coa participación de mulleres das distintas parroquias de Fene, da man de entidades locais. A iniciativa inclúe un traballo de investigación e dinamización comunitaria para recoller testemuños, vivencias, fotografías, documentos e materiais persoais.

O resultado quedará materializado nun documental, unha exposición itinerante e unha publicación dixital, que recollerán os contidos e testemuños xerados ao longo do proceso. A iniciativa culminará coa presentación pública do documental e da exposición ao abeiro do do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, reforzando así o seu carácter feminista, reivindicativo e de historia colectiva.

Con este proxecto, a Deputación da Coruña e o Concello de Fene reafirman o seu compromiso coa igualdade, coa memoria democrática e co recoñecemento das mulleres que sostiveron, en silencio, boa parte da historia industrial e social da comarca.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X