Sol Agra reivindica o Festival Rosalía como festexo que «socializa o legado» de autora de ‘Follas novas na apertura dunha oitava edición que olla tamén cara a Begoña Camaño
A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, conmemorará na praza de Mazarelos o 189.º aniversario do nacemento da escritora, figura central das nosas letras sobre a que pivotará gran parte das actividades
Unha vintena de actos entre recitais, espectáculos escénicos e presentacións conforman o programa que inclúe artistas e formacións como Loita Amada, Os Quinquilláns, o Mago Teto, Uxía, Javier Ruibal, Marcos Teira ou Blues do País
A deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra, xunto á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, inauguraron a oitava edición dun festival que Anxo Angueira define xa como un «referente» dentro do marco das celebracións rosalianas
O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, botou a andar hoxe a súa oitava edición. «Este festival non só reivindica a figura de Rosalía, senón que socializa o seu legado», salientou na inauguración oficial deste encontro a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra. Na súa intervención tamén puxo en valor a pegada histórica da autora de Follas novas nos ámbitos da lingua, do feminismo e mesmo da ecoloxía. Neste último punto, Agra lembrou a posición que a autora amosou no seu día fronte á tala indiscriminada na Carballeira de Conxo, aló cara a 1881.
A deputada de Lingua quixo resaltar tamén a presenza que Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, ostentará no programa do Festival. «Teremos diferentes actos con Begoña Caamaño de protagonista», sinalou respecto dunha autora que definiu como «unha auténtica herdeira do legado de Rosalía». «Reivindicarémola dende a súa faceta no feminismo, no activismo, na literatura e no xornalismo», concluíu Sol Agra.
O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, que tamén participou na inauguración, aproveitou a ocasión para felicitar tanto a Deputación da Coruña como o Concello de Santiago por organizar este festival que xa se consolidou como referente nas celebracións polo aniversario de Rosalía de Castro. «Dúas institucións que amosan un rosalianismo probado, amplo, auténtico e acolledor», resumiu Angueira.
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, pechou a inauguración cun discurso co que quixo, en primeiro lugar, darlles as grazas á Deputación da Coruña e a Sol Agra por converter Compostela «no epicentro» un ano máis deste Festival Rosalía. Sanmartín definiu ademais a autora de Cantares Gallegos como unha escritora «popularmente recoñecida», «un referente» que marcou «o inicio do noso Rexurdimento lingüístico, literario e cultural». «Rosalía conseguiu facer camiño para as que viñeron detrás. Sen ela, seriamos diferentes», reflexionou Goretti antes de ler dous breves textos do amplo corpus rosaliano.
Ao longo desta primeira xornada do Festival Rosalía, cuxo programa está conformado por unha vintena de actividades, están a pasar artistas e formacións como Os Quinquilláns, Isabel Risco, Blues do País ou Loita Amada, encargados de pechar o cartel deste sábado cun concerto de presentación do seu terceiro disco Resistir é vencer. Tamén se están a ofrecer espectáculos singulares como Contesías, coproducido entre o Festival Rosalía e o Festival Atlántica, que reúne xuntas a Dores Tembrás, Yamini T. Prabhu, Carmen Conde e Sole Felloza, ou celebracións ben especiais, como é o caso do décimo aniversario da editora Chan da Pólvora.
Programa do domingo
Mañá domingo, o Festival Rosalía retoma a actividade ás 11:00 horas coa apertura da feira rosaliana, conformada por diversos postos de venda de libros, artesanía ou produtos ecolóxicos. Ás 11:15 horas, a compañía Producións Dispersas ofrecerá a intervención teatralizada Sempre Rosalía, protagonizada por Ana Ponte e Diego Freire. Ás 12:00 horas, e logo tamén ás 16:30 horas, terá lugar Primavera vai chegar, un espectáculo que mestura poesía e música nas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero. As dúas actuacións terán lugar no Colexio de Santo Agostiño.
Entre as 12:00 e as 13:00 horas, a praza de Mazarelos acollerá unha serie de presentacións de obras biográficas e literarias ao redor da escritora, autora dos libros Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009) ou Morgana en Esmelle (Galaxia, 2012). Os títulos que se presentarán, contando coa presenza dos seus autores e autoras, son: Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto, editado por Xerais; Circe ou o pracer da amizade, de Bea Maceda, tamén publicado por Xerais; A nena que perdeu un zapato na lama, de Ramón Nicolás, lanzado por Galaxia, e Begoña Caamaño: Pequena biografía, de Enrique Mauricio, de Laia Edicións.
Ao remate do acto actuará a cantante Uxía. Xusto despois chegará a quenda da peza escénica Da voz de Morgana. Neste monólogo, a actriz Mónica Camaño ofreceralle ao público unha intervención de 15 minutos na que se nos chanta o debuxo da MULLER que non foi relatado por cronistas e fabuladores. O programa da mañá rematará con De tu casa a la mía, concerto que reúne ás 13:20 horas a Uxía, Javier Ruibal e o guitarrista Marcos Teira.
Xa pola tarde, celebrarase a partir das 16:30 horas o Concurso Rosaliano para toda a familia, conducido por Isabel Risco; ás 17:30 horas será o concerto de Acordeireta e ás 21:00 horas, no Teatro Principal, o Mago Teto poralle o ramo ao oitavo Festival Rosalía co espectáculo Galegorock'n' Magic.
