Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña participa nos actos da XLIII Festa da Filloa de Lestedo

A deputada de Cultura, Natividade González, representou a institución neste evento

González destacou que esta cita «é moito máis ca unha celebración gastronómica», ao reunir ao redor da filloa valores vinculados coa historia e a cultura popular

A Deputación da Coruña participa nos actos da XLIII Festa da Filloa de Lestedo

Intervención de Natividade González

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou este domingo nos actos da XLIII Festa da Filloa de Lestedo, en representación do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, quen non puido asistir por razóns de axenda ao atoparse na feira turística Navartur.

A celebración desenvolveuse en Lestedo, no concello de Boqueixón, cun programa que incluíu degustación de filloas, o Desfile Intermunicipal de Xenerais da Ulla, o pregón da festa e os tradicionais atranques, entre outros.

Durante a súa intervención, González salientou que a Festa da Filloa «ano tras ano demostra a forza das nosas tradicións e a capacidade do noso pobo para converter o patrimonio cultural nun espazo vivo de encontro, identidade e futuro». A deputada destacou ademais que esta cita «é moito máis ca unha celebración gastronómica», ao reunir arredor da filloa valores vinculados coa historia, a cultura popular e o turismo.

Na súa intervención puxo tamén en valor a traxectoria dunha festa con máis de corenta anos de historia, estreitamente ligada ao Entroido galego, así como o papel dos Xenerais da Ulla como unha das expresións máis singulares do patrimonio inmaterial de Galiza.

A paisaxe que sabe

A Deputación da Coruña colabora un ano máis coa Festa da Filloa de Lestedo, unha cita que contou nesta edición coa presenza da marca provincial 'A paisaxe que sabe', integrada no programa do evento como parte da aposta pola promoción da gastronomía local e dos produtos de proximidade.

Dentro desta colaboración, o sábado 21 de febreiro houbo unha Filloa Cooking A paisaxe que sabe, unha proposta gastronómica que puxo en valor o produto local a través de distintas elaboracións con filloa e maridaxe de viños da provincia, coa participación do cociñeiro André Arzúa (Espazo Abella) e a adega María Manuela.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X