Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña impulsa o IV Encontro de Axentes de Igualdade para avanzar cara a unha rede provincial de concellos pola igualdade e a diversidade

Terá lugar o vindeiro 13 de maio no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela

Pretende avanzar cara ao deseño dunha Rede Provincial de Concellos pola Igualdade e a Diversidade e contra as violencias machistas e LGBTIfóbicas

A Deputación da Coruña impulsa o IV Encontro de Axentes de Igualdade para avanzar cara a unha rede provincial de concellos pola igualdade e a diversidade

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro 13 de maio o IV Encontro de Axentes de Igualdade, unha cita que procura consolidarse como un espazo de referencia para o encontro, a reflexión e o impulso das políticas públicas de igualdade no ámbito local. Desenvolverase en horario de 9:30 a 14:30 no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, e reunirá persoal técnico de entidades locais implicado no deseño, desenvolvemento e avaliación de políticas de igualdade.

Nesta cuarta edición, o encontro sitúa no centro o reto de avanzar cara ao deseño dunha Rede Provincial de Concellos pola Igualdade e a Diversidade e contra as violencias machistas e LGBTIfóbicas, apostando polo traballo colaborativo e a construción colectiva.

Entre os seus obxectivos destacan o fomento do diálogo e do coñecemento mutuo entre profesionais, a aprendizaxe compartida a partir de experiencias inspiradoras e o impulso dun proceso participativo de codeseño que permita sentar as bases desta futura rede provincial.

Programa do encontro

O programa combina espazos de participación co achegamento a iniciativas de referencia no ámbito estatal e galego. Así, a conversa inspiradora contará coa participación de diversas expertas que compartirán experiencias de traballo en rede con traxectorias consolidadas.

Eukene de Miguel, técnica asesora en políticas de igualdade en EUDEL, presentará a experiencia de Berdinsarea, unha rede municipal pioneira no País Vasco que leva anos articulando o traballo coordinado entre concellos en materia de igualdade. Pola súa banda, Luna Martinicorena, subdirectora de igualdade LGBTI+ do Instituto Navarro de Igualdade, intervirá en formato en liña para dar a coñecer a Rede de Municipios Libres de LGTBIfobia de Navarra, unha iniciativa centrada na acción local fronte ás discriminacións por diversidade sexual e de xénero.

Desde Ortegal, Lucía Canoura presentará a experiencia De Faro a Faro, un exemplo de cooperación intermunicipal que pon en valor o traballo compartido entre territorios, mentres que Marta Piñeiro achegará a experiencia do Comité de Ética en Intervención Social do Consorcio das Mariñas, que exemplifica as posibilidades do traballo en rede tamén no ámbito dos servizos sociais.

Estas iniciativas ofrecen referentes diversos pero complementarios, que permiten visualizar modelos posibles de articulación territorial, aprendizaxes transferibles e claves para o fortalecemento das políticas públicas de igualdade desde o ámbito local.

O encontro incluirá ademais dinámicas participativas orientadas a favorecer o coñecemento entre as persoas participantes e a recoller propostas concretas que contribúan ao deseño da futura rede provincial.

A actividade está deseñada e facilitada polos equipos de Rexenerando S. Coop. Galega e Arabías S. Coop., que acompañan a Deputación da Coruña neste proceso de impulso e fortalecemento das políticas de igualdade no territorio.

As inscricións están xa abertas a través do formulario en liña: i.gal/eai2026.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X