Estás en:Emprego

Cerceda estrea o renovado do campo de fútbol de céspede artificial do complexo deportivo do Roxo

A Deputación e Concello financiaron as obras cun investimento de 312,781,94 euros

Valentín González Formoso e Juan Manuel Rodríguez participaron hoxe no acto de inauguración das renovadas instalacións

Cerceda estrea o renovado do campo de fútbol de céspede artificial do complexo deportivo do Roxo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, participaron hoxe no acto de inauguración do renovado campo de fútbol de céspede artificial do complexo deportivo do Roxo, unha actuación que supuxo un investimento total de 312.781,94 euros. 

A Deputación da Coruña financiou o 80% do proxecto, cunha achega de 250.225,55 euros, mentres que o Concello de Cerceda aporta con fondos propios o 20% restante.

Durante o acto, Formoso destacou a importancia da colaboración entre a institución provincial e os concellos para modernizar infraestruturas deportivas de uso cotián.

O presidente provincial subliñou tamén que a renovación do campo permitirá "ofrecer aos clubs de Cerceda, aos nenos e nenas das categorías de base e ao conxunto das persoas usuarias unhas instalacións máis modernas, seguras e adaptadas ás necesidades actuais".

Pola súa banda, o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salientou que se trata "dunha actuación moi necesaria nun campo que soporta unha actividade deportiva intensa ao longo de todo o ano" e agradeceu o respaldo da Deputación para acometer o proxecto.

"Hoxe contamos cun campo completamente renovado, con mellores condicións para adestrar e competir e, sobre todo, cunha superficie máis segura para os nosos deportistas. É un investimento importante para o deporte de Cerceda", afirmou Rodríguez.

Unha renovación integral do campo
A actuación permitiu renovar unha instalación que acumulaba máis dunha década de uso intensivo e cuxo terreo de xogo presentaba un importante deterioro. O desgaste da fibra sintética, a perda de nivelación da subbase e o estado do recheo de caucho provocaban problemas de drenaxe, irregularidades no comportamento do balón e un maior risco de lesións.

Os traballos incluíron a retirada do antigo céspede e o aproveitamento de parte dos materiais, a nivelación da superficie de aglomerado asfáltico e a instalación dun novo céspede artificial de última xeración, máis resistente e preparado para soportar un uso intensivo.

A intervención completouse coa reparación e substitución dos tramos deteriorados da canaleta perimetral de drenaxe, o lastrado do campo e o marcaxe regulamentario para a práctica de fútbol 11 e fútbol 7. Tamén se recolocou todo o equipamento deportivo perimetral.

A renovación dota así o complexo deportivo do Roxo dunha superficie de xogo moderna, segura e adaptada á elevada actividade deportiva que desenvolven os clubs e equipos do municipio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X