Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Os peóns encargaranse de tarefas coma o mantemento de espazos públicos, a reparación de servizos municipais ou a limpeza viaria
Páxinas suxeridas
A institución provincial distribúe este ano 2.657.354,71, a través do PEL-Concellos, para apoiar os 82 municipios coruñeses de menos de 20.000 habitantes na creación de emprego

A Deputación financia a contratación de 6 operarios no Concello de Zas

19 de Maio de 2017

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases do proceso selectivo para a contratación de 6 peóns no Concello de Zas, cuxos custos laborais e de seguridade social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos Concellos do Plan de emprego local (PEL-Concellos).

Os operarios encargaranse de tarefas como a limpeza e o mantemento de vías públicas, camiños, rutas de sendeirismo, zonas verdes, parques, xardíns, áreas recreativas, instalacións deportivas e outros espazos públicos. As súas funcións tamén incluirán a reparación e o mantemento do mobiliario urbano e outras dotacións públicas, a recollida de residuos ou a condución dos vehículos municipais.

Deste modo, a liña PEL-Concellos do Plan de emprego da Deputación persegue un dobre obxectivo: por unha banda, mellorar a prestación de servizos e obras a nivel local por parte dos concellos que, debido á crise e ás restricións que afectan a todas as entidades locais, teñen dificultades para cubrir axeitadamente a prestación de servizos mínimos esenciais para a poboación e, por outra banda, favorecer a incorporación ao mercado laboral de persoas con necesidades especiais e con maiores dificultades para atopar un emprego.

En total, estas axudas supoñen un investimento de 2.657.354,71 euros no 2017 para apoiar aos 82 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes na creación de emprego, e que se distribúen conforme a criterios obxectivos coma o número de parados en cada municipio. No caso de Zas, desde a implantación do PEL- Concellos a asignación triplicouse pasando de 11.180 euros no 2015 a un total de 33.828 euros para fomentar a creación de emprego no presente ano.

Desde a posta en marcha destas axudas no 2016, o PEL-Concellos supuxo un investimento de 5.825.254 euros para impulsar as contratacións nos pequenos e medianos concellos coruñeses, que o ano pasado xa se traduciu en 519 novos postos de traballo.

Destinado a desempregados con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os aspirantes ás 6 prazas de peón, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade, estar en posesión do certificado de estudos primarios ou equivalente e ter o permiso de conducir tipo B1.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que remataran favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.