Estás en:Emprego Novas

A Deputación inaugura na Pobra o parque infantil da Lombiña, renovado a través do Plan único cun investimento de 48.060 euros

A deputada de Educación, Sandra González, asistiu á inauguración do espazo acompañada polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Servizos Sociais, Estefanía Ramos

As tarefas permitiron instalar novo pavimento de lousa de formigón con capas de caucho e dispoñer novos xogos e mobiliario

A Deputación leva dedicados 3,5 millóns de euros á mellora de infraestruturas no municipio a través do seu Plan único

A Deputación inaugura na Pobra o parque infantil da Lombiña, renovado a través do Plan único cun investimento de 48.060 euros

A deputada de Educación, Sandra González, asistiu esta mañá á inauguración do parque daLombiña, no concello da Pobra do Caramiñal. As actuacións de renovación que acaban de finalizar permitiron acondicionar a zona de xogos e o pavimento do espazo a través dun orzamento de 48.060 euros financiado polo Plan único provincial.

Ao encontro acudiron tamén o alcalde do municipio, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos. "É unha gran satisfacción ver os resultados deste proxecto, moi necesario e demandado pola veciñanza da Pobra, que agora conta cun novo espazo de convivencia e lecer para a rapazada", expresou a deputada Sandra González.

A responsable da área de Educación definiu o Plan único como ferramenta "fundamental para que os concellos da provincia sigan mellorando as súas infraestruturas". Desde a súa creación, este programa investiu máis de 282 millóns de euros nos municipios coruñeses, "unha cifra récord nunca antes alcanzada por ningún plan da Deputación", afirmou González.
Ao longo da súa historia, o Plan único suma xa 2.727 obras executadas, das que 72 son parques infantís, aos que agora se suma o daLombiña.

Novos xogos e acondicionamento do pavimento

Os traballos de rehabilitación do parque infantil permitiron instalar un novo pavimento de lousa de formigón, sobre o que se colocaron capas de caucho para configurar diferentes áreas de seguridade de cada un dos xogos.

Do mesmo xeito, dispuxéronse dous balancíns de resorte, un tobogán para idades reducidas, un balancín dobre de cabaliños, unha randeeira de dous asentos e unha de cesta, un xogo combinado, catro bancos de madeira e estrutura de fundición e tres papeleiras. O conxunto quedou ademais cercado de forma perimetral cun valado de madeira de piñeiro.

O Plan Único investiu 3,5 millóns de euros na Pobra

A Deputación leva investidos 3,5 millóns de euros na Pobra, dos que 2,5 destínanse a financiar 23 obras para mellorar infraestruturas locais e, polo tanto, a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio.
O parque infantil daLombiña e o cuberto de Venecia; a pavimentación do acceso ao polígono industrial de Tomada; o saneamento en Ouxo, Campiño, Cadreche ou San Isidro; as melloras na casa do Concello ou no Camiño Real; ou a construción do centro cultural de Santa Cruz, son algunhas das actuacións que xa son realidade, ou que o serán moi pronto grazas ao Plan único.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X