A Deputación investirá medio millón de euros na primeira fase do Proxecto Anllóns
"Ademais de mellorar a saúde do río e a calidade da súas augas, pretendemos facer do curso completo, desde o seu nacemento até a súa desembocadura, un recurso aberto á sociedade, andable e transitable en bicicleta polas ribeiras, e que sexa relevante na oferta turística fluvial non só xa da Costa da Morte, senón de toda Galiza" explicou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira
O Proxecto Anllóns, promovido pola área de Turismo da Deputación da Coruña para recuperar o patrimonio natural e cultural arredor do río bergantiñán, avanzou hoxe un paso máis coa presentación, na casa do Concello de Cabana, dos traballos sobre a diagnose medioambiental da contorna e da proposta de actuacións turísticas sustentables.
As primeiras intervencións do plan proxectadas que se coñeceron está mañá son as de control e erradicación de especies esóxenas invasoras, a retirada de árbores mortas e limpeza xeral no leito e nas ribeiras e a rehabilitación dos muíños abandonados ao longo do río, actuacións que permitirán o deseño e construción dunha gran senda verde, duns 53 quilómetros, que atravesará os cinco concellos polos que pasa o río: A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.
Esta actuación global está orzamentada, inicialmente, en algo más de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación ten consignada xa unha axuda de 500.000 €, repartida en dúas anualidades: 240.000 € en 2022 e os outros 260.000 en 2023. O Consello de Dirección da Comunidade Intermunicipal do Proxecto Anllóns pretende conseguir o resto do financiamento con cargo aos fondos europeos Next Generation.
"Ademais de mellorar a saúde do río e a calidade da súas augas, pretendemos facer do curso completo, desde o seu nacemento até a súa desembocadura, un recurso aberto á sociedade, andable e transitable en bicicleta polas ribeiras", explicou ou presidente do Consello de Dirección do Proxecto Anllóns, vicepresidente da Deputación e responsable do departamento provincial de Turismo, Xosé Regueira. "Queremos", engadiu, "deseñar un produto sostible, aproveitable desde o punto de vista do turismo, de primeira orde tamén no referido ao seu potencial gastronómico, que sexa relevante na oferta turística fluvial non só xa da Costa da Morte, senón de toda Galiza".
Ademais de Xosé Regueira, na xuntanza desta mañá participaron os alcaldes de Coristanco, Juan García Pose; de Cabana, José Muíño Domínguez; de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez; e da Laracha, José Manuel López Varela; a concelleira de Ponteceso, María Noelia Varela Suárez, e técnicos de turismo da Deputación e da empresa EOSA Estrategia y Organización S.A, a encargada de realizar esta primeira fase do proxecto.