Estás en:Emprego Novas

O Plan Único da Deputación financia a renovación da biblioteca Juan Fernández Latorre, en Ortigueira

As obras contan cun orzamento de 200.484 euros e permitirán mellorar a impermeabilización, a carpintería, a canalización de pluviais e a estética da fachada e da contorna do edificio

O Plan Único da Deputación financia a renovación da biblioteca Juan Fernández Latorre, en Ortigueira

A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único as obras de renovación do edificio modernista da biblioteca municipal Juan Fernández Latorre. As intervencións, que contan cun orzamento de 200.484 euros, permitirán mellorar a impermeabilización, a carpintería, a canalización de pluviais e a estética do edificio.
Os traballos permitirán que o espazo conte cunhas condicións óptimas para o seu uso, solucionando as deficiencias detectadas na construción e ocasionadas, principalmente, polo paso do tempo e as particularidades do lugar. Con estas obras eliminaranse as humidades e renovaranse elementos de carpintería e urbanización.
A principal intervención renovará a impermeabilización da cuberta na zona da primeira planta e en parte da planta baixa, actuando nos faldróns e a parte superior dos muros mediante chapa metálica. Así mesmo, renovaranse os elementos de evacuación de pluviais. Tamén se suprimirán unhas pequenas xanelas na cuberta do edificio, que non son orixinais deste pero que se abriron na época na que se utilizou o espazo baixo cuberta para oficinas. Agora que xa non existe esta planta, causan filtracións por deficiencias e por este motivo eliminaranse.
Á súa vez, suprimiranse os paneis de revestimento interior, que estaban xa moi deteriorados polo paso do tempo, e renovarase por completo a carpintería da primeira planta.
O inmoble lucirá unha nova imaxe coa renovación da fachada principal e da gama de cor actual, así como o arranxo de pezas do pavimento rotas na praza frontal. O proxecto inclúe o acoitelamento e o vernizado da porta de entrada. No tocante aos zócalos, substituiranse os de madeira por outros de granito. Así mesmo, os servizos na planta baixa e nunha pequena zona dos aseos da primeira azulexaranse as paredes e os chans verán renovadas a súa pintura e verniz. Estes espazos tamén se adaptarán para garantir unha mellorar accesibilidade, cumprindo coa normativa actual.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X