Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia con 211.000 euros do Plan Único a ampliación e reforma da Casa Común de Oza, en Teo

O proxecto inclúe tamén a creación dun parque infantil e dun aparcamento

Crearase un volume en planta baixa, anexo ao edificio actual, co obxectivo de aumentar a oferta de cursos e dar entrada a outras actividades no recinto

A Deputación financia con 211.000 euros do Plan Único a ampliación e reforma da Casa Común de Oza, en Teo

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, o proxecto para levar a cabo a ampliación e reforma da Casa Común de Oza, no Concello de Teo. A actuación, que conta cun orzamento de 211.771,09 euros e está actualmente en fase de licitación pública, tamén inclúe a creación dun parque infantil, dun espazo para aparcamento e o acondicionamento do acceso á parcela.

A Casa Común de Oza, situada no lugar de Ribas, leva en funcionamento desde o ano 2009, cando se levaron a cabo as obras de reforma dunha edificación existente. No ano 2015 reformouse, creando dous despachos e unha aula para albergar cursos. Agora, o obxectivo é aumentar esta oferta e dar entrada a outras actividades.

Para iso, as obras ampliarán da edificación existente mediante un volume en planta baixa, anexo á actual, formando unha 'L' con esta. Esta nova zona acollerá dúas aulas e unha sala para uso administrativo e do profesorado dos cursos. Ademais, tamén se creará un espazo exterior cuberto ao longo da nova fachada. No edificio existente ampliaranse os aseos e o almacén, ocupando un despacho. Tamén se creará un cortaventos na porta da entrada principal ao local.

No exterior, no lugar que ocupa actualmente un parque, crearase un parque infantil. Os traballos inclúen a pavimentación con elementos brandos, a instalación dos diferentes elementos de xogo e a colocación de bancos e papeleiras.

Por último, acondicionarase e pavimentarase unha área de aparcamento para dar servizo tanto á Casa Común como aos usuarios e usuarias do parque infantil. Por outra banda, pavimentarase a vía de entrada desde a estrada a estes dous equipamentos.

O proxecto está en fase de licitación pública e o prazo para presentar ofertas remata o 28 de febreiro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X