Estás en:Emprego Novas

A Deputación inviste 45.000 euros no arranxo da fachada e cuberta da escola unitaria de Castromil, en Vimianzo

O Plan Único financia o 100% do custo da intervención, que reducirá o consumo enerxético no inmoble e garantirá unha boa impermeabilización

As obras están en fase de licitación ata o vindeiro 30 de marzo

A Deputación inviste 45.000 euros no arranxo da fachada e cuberta da escola unitaria de Castromil, en Vimianzo

O Plan Único da Deputación da Coruña financia con 45.000 euros as obras de arranxo da fachada e da cuberta da escola unitaria do lugar de Castromil (parroquia de Salto), en Vimianzo. A iniciativa atópase en fase de licitación e as empresas interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o vindeiro 30 de marzo de 2022.

O proxecto, financiado na súa totalidade con fondos provinciais, mellorará a eficiencia enerxética das instalacións, minimizando o consumo de calefacción durante o seu uso grazas aos novos materiais empregados. As tarefas executaranse na planta baixa e no primeiro andar e permitirán, ademais, garantir unha boa impermeabilización, imposibilitando deste modo as filtracións de auga no edificio.

Para conseguir os ditos obxectivos, as fachadas rehabilitaranse dispoñendo unha nova de panel metálico e novo illamento térmico, ofrecendo un inmoble máis acondicionado para o seu uso diario. Instalaranse paneis de dúas cores nas fachadas con chapa simple grecada e panel liso sándwich nas zonas nas que haxa xanelas.

As obras que se han desenvolver na construción, que está situada a 400 metros da AC-552, contan cun prazo de execución estimado de tres meses. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destaca que "o Plan Único demostra, unha vez máis, a súa utilidade para o acondicionamento de infraestruturas moi necesarias e demandadas polos Concellos, que son quen coñecen a realidade dos seus veciños e veciñas". Desde o 2017 leváronse a cabo máis de 2.700 obras na provincia a través deste programa.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X