Estás en:Emprego Novas

Formoso supervisa as obras no campo Eleuterio Balayo e destaca que a Deputación investiu 8,1 millóns de euros en Muros

O presidente provincial e a alcaldesa da localidade visitaron o campo de fútbol e a parroquia de Abelleira, onde se está a executar a primeira fase da mellora de infraestruturas hidráulicas. Ambas actuacións están financiadas polo Plan Único

O Plan Único provincial destinou nos últimos seis anos 4,2 millóns de euros para executar 30 obras no municipio

Formoso supervisa as obras no campo Eleuterio Balayo e destaca que a Deputación investiu 8,1 millóns de euros en Muros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa do Concello de Muros, Inés Monteagudo, as obras que se están a executar no campo de fútbol Eleuterio Balayo e nas infraestruturas hidráulicas de Abelleira.

González Formoso e Monteagudo supervisaron os traballos de renovación do campo de fútbol Eleuterio Balayo, cos que se ampliará o terreo de xogo e se renovará o seu céspede, mellorando de forma substancial unha infraestrutura moi empregada pola veciñanza. O proxecto enmárcase dentro do Plan Único e está valorado en 235.000 euros, dos que o ente provincial achega 170.806.

Formoso sinalou que a Deputación "está detrás da inmensa maioría dos investimentos dos municipios na provincia, polo que queremos comprobar que o que se fai merece a pena", neste caso nun terreo empregado ao longo de todo o ano por "arredor de 300 rapaces e rapazas".

Segundo indicou a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, as tarefas en execución "van ser satisfactorias e van dar resposta a unha obra moi demandada polos usuarios, clubs de deporte do concello e pola sociedade en xeral". Monteagudo incidiu en que o campo ten "un uso moi intensivo, reuníndose nalgunhas fins de semana ata 600 rapaces e rapazas, xa que xogan varios clubs e temos unha escola de fútbol infantil que ten 400 nenos". A rexedora indicou que as obras eran moi necesarias para garantir a seguridade das persoas que empregaran estas instalacións "porque o mal estado do céspede podía provocar incluso lesións".

Colocarase céspede sintético de última xeración

Coas tarefas de acondicionamento, substituirase o céspede artificial existente por un sintético de última xeración e ampliarase o terreo de xogo ata os 100 metros de longo e os 55 de ancho, con metro e medio de bandas laterais e dous metros nos fondos. Previamente a este cambio, repararase o firme da zona onde presente desperfectos e demolerase o muro de formigón existente no fondo norte, co posterior levantamento doutro tres metros cara fóra.

O campo contará cunha marcaxe para fútbol 11 e 8, podendo esta última modalidade celebrar dous partidos de forma simultánea. As tarefas de mellora do campo tamén incluirán a substitución da varanda existente por unha nova de aluminio que inclúa a zona ampliada, así como a dotación de novo equipamento deportivo. Á súa vez, ampliarase a canaleta de recollida de pluviais e substituiranse os canóns existentes da rede de rego.

8,1 millóns de euros en investimentos

No encontro, González Formoso subliñou o importante investimento que a Deputación leva feito nos últimos seis anos para mellorar as infraestruturas locais e impulsar o emprego en Muros. O ente provincial dedicou nese período de tempo un total de 8,1 millóns de euros á localidade, dos que 4,2 millóns se enmarcan no Plan Único, que permitiu a execución de 30 obras no municipio.

"O Plan Único logra concentrar un investimento practicamente inigualable cun programa que pasou de 24,5 millóns aos 100 millóns deste ano", informou González Formoso. O presidente provincial argumentou que o Plan dá "liberdade aos concellos para elixir as obras ás que o queren dedicar, as miles de actuacións que financiamos acreditan que é un plan ben pensado, un plan de provincia".

Monteagudo indicou que desde o Concello de Muros "destinamos practicamente todos os fondos que nos veñen do Plan Único a obras". A rexedora agradeceu a "colaboración que nos presta a Deputación".

Entrega de equipamento deportivo

Na visita ao municipio, o presidente provincial tamén fixo entrega dunha furgoneta ao Club de Remo Muros. Unha achega que forma parte da liña de subvencións que a Deputación dedica a clubs de remo e piragüismo para financiar a adquisición de vehículos e á que destinou neste 2022 unha achega de 200.000 euros.

González Formoso, afirmou que con estas adquisicións, a área de Deportes da institución provincial pretende apoiar os clubs de dous deportes náuticos de longa tradición na provincia e axudalos a manter a súa actividade, que require o transporte de material e persoas tanto para os adestramentos como para a participación en competicións. O ente provincial financia con este programa de axudas o 80% do vehículo, sen o 20% restante asumido pola propia entidade.

Mellora do saneamento en Abelleira por importe de 347.831 euros

O presidente provincial e a alcaldesa de Muros tamén se achegaron na xornada de hoxe ata a parroquia de Abelleira, onde se está executando a primeira fase das obras de mellora da rede de saneamento do lugar. O proxecto está valorado en 236.361 euros con cargo ao Plan Único.

A través destas actuacións, búscase dotar á parroquia de Abelleira, composta por 8 entidades de poboación, dun sistema de saneamento adecuado. As tarefas desta primeira fase levaranse a cabo no lugar de Bornalle e permitirán instalar unha nova rede separativa de augas residuais e de recollida de pluviais na zona da estrada AC-550 e das vivendas.

Unha vez se complete esta primeira fase, realizarase a segunda, á que o Plan Único dedica outros 111.470 euros, dos que a Deputación achega o 97%, para continuar cunha iniciativa que quere ofrecer un servizo de xestión de augas pluviais e residuais máis eficiente e menos contaminante no municipio.

En canto á rede de augas fecais, instalarase un colector soterrado cunha lonxitude de 236 metros que prestará servizo a un total vinte e cinco vivendas. No caso das augas pluviais, construiranse colectores de PVC e conectaranse os sumidoiros da zona aos pozos de rexistro.

No encontro no municipio, a alcaldesa transmitiulle tamén ao presidente provincial algunhas demandas en "temas como o parque infantil e os lavadoiros do Challón". Así mesmo, a rexedora agradeceu a González Formoso "esta última modificación que se fixo nas bases do plan de obras que van  facilitar que os Concellos poidan destinar parte deste segundo plan complementario a gastos xerais".

Ademais das obras activas visitadas polos dirixentes no día de hoxe, no municipio estanse a levar a cabo agora mesmo actuacións de mellora de infraestruturas hidráulicas no Campo de San Ramón, mellora de camiños coma o de Ventoso e Trasdacosta, construción dun aparcamento en Portugalete ou a mellora de infraestruturas no parque empresarial de Muros. Todas elas contan co apoio da Deputación a través do seu Plan Único

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X