Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña participa no encontro estatal sobre destinos turísticos intelixentes

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participará cun relatorio na mesa redonda sobre o turismo intelixente no territorio e o seu papel no desenvolvemento económico do medio rural

O encontro, que contará coa participación da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, terá lugar este venres na Casa Consistorial de Benidorm

A Deputación da Coruña participa no encontro estatal sobre destinos turísticos intelixentes

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, representará á Deputación da Coruña no encontro estatal sobre destinos turísticos intelixentes que terá lugar este venres, 10 de xuño, na Casa Consistorial de Benidorm e que contará coa participación da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Trátase da V Edición do Congreso Digital Tourist que organiza a Asociación Multisectorial de Empresas de Tecnologías de la Información, Comunicaciones y Electrónica (AMETIC).

O relatorio de Xosé Regueira enmárcase na mesa redonda que leva por título 'Turismo rural: el papel de las diputaciones', na que se abordará como o turismo intelixente no territorio incide no desenvolvemento económico do medio rural. Neste panel, terá unha especial relevancia como a pandemia modificou os hábitos turísticos e que tipo de oportunidades se derivan dese cambio, así como o papel das administracións provinciais na promoción dun turismo sustentable, competitivo e accesible.

O vicepresidente da Deputación da Coruña compartirá mesa redonda cun representante da Deputación de Alacante, coa deputada de Turismo da Deputación de Cáceres, Patricia Valle, e co asociado de AMETIC, Ignacio Albendea. A mesa estará coordinada por Javier Martínez Belotto, coordinador do grupo de traballo 'Pueblos digitales sostenibles' da AMETIC.

O Congreso Digital Tourist reúne a responsables sectoriais do ámbito da empresa dixital e a responsables políticos e administrativos a nivel estatal, autonómico e provincial. En total, celebraranse doce mesas redondas e relatorios que abordarán, entre outras cuestións, como a tecnoloxía actual permite detectar patróns de comportamento, controlar capacidade nos principais puntos de concentración turística, como abordar a transición turística sostible en materia de redución da pegada de carbono e de consumos de auga, ou como promover un turismo de interior consciente baseado na riqueza cultural, patrimonial e de natureza dos distintos territorios.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X