Estás en:Emprego Novas

O Plan Único da Deputación inviste 170.000 euros na mellora de infraestruturas en Cerdido

O Concello acometerá melloras na Escola O Castro, edificio indiano deteriorado co paso do tempo, así como en distintas estradas e camiños municipais

O Plan Único da Deputación inviste 170.000 euros na mellora de infraestruturas en Cerdido

O Concello de Cerdido vén de licitar tres obras de mellora financiadas pola Deputación provincial cunha achega de preto de 170.000 euros dentro do Plan Único.

Grazas a estas axudas o Concello poderá levar a cabo a reforma da Escola O Castro, na parroquia de San Martiño de Cerdido, un inmoble de tipoloxía indiana que data dos anos trinta. O actual estado de deterioro que presenta a arquitectura por mor do paso do tempo obrigou ao Concello a licitar esta actuación. A Deputación achega preto de 60.000 euros para facer fronte a esta actuación.

Na actualidade, o edificio conta cunha vella carpintería acristalada de madeira e ten que adaptarse á normativa de accesibilidade. O obxectivo da obra é mellorar a eficiencia enerxética do centro mediante a substitución de todas as carpinteiras actuais mantendo a súa estrutura orixinal. Serán ventás cun acabado de madeira e reforzos interiores. O mesmo sucede coas portas, que terán un dobre illamento respectando a súa imaxe orixinal. Por outra banda intervirase nun dos aseos co obxectivo de adaptarse á normativa de accesibilidade. Deste xeito, as persoas con diversidade funcional poderán acceder aos baños do edificio indiano.

Por outra banda, o organismo provincial destina 59.000 euros para mellorar a seguridade viaria en varias estradas do termo municipal de Cerdido. En concreto, o camiño que une Prenso con Cubos, cunha lonxitude de 760 metros e que se pretende unha mellora da capa de rodaxe, limpeza de gabias e unha nova sinalización vertical e horizontal. Do mesmo xeito, actuarase no camiño no Doval, cunha lonxitude 455 metros; no Interior de Regueirolongo, cunha lonxitude de 315 metros; no camiño de Regueirolongo a Díaz, de 215 metros; e no camiño a Barbas, de 395 metros de lonxitude.

Outro dos proxectos financiados pola Deputación da Coruña, cun investimento de 46.574 euros, é a Mellora do firme da pista do campo da Igrexa ata Calmourel. Esta pista en concreto ten 400 metros de lonxitude. Trátase de mellorar o actual estado de conservación do sistema viario cunha nova capa de rodaxe, novas gabias e sinalización vertical e horizontal. O proxecto tamén contempla a obra de mellora do firme entre a Pista de Agreste a Carreiro de Bola, cun quilómetro de lonxitude.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X