Estás en:Emprego Novas

Finalizan as obras de reforma da escola unitaria de Campolongo, en Pontedeume, convertida nun local social a través do Plan Único

Valentín González Formoso e Bernardo Fernández visitaron hoxe o remate dos traballos de rehabilitación do edificio, que tamén incluíron a adecuación da planta alta e a instalación dun ascensor

A antiga casa da mestra transformouse nunha vivenda de acollida para emerxencia social

Esta actuación enmárcase dentro do plan do Concello para a transformación de escolas unitarias en locais sociais, que inclúe ademais a reforma da de Nogueirosa e a de Centroña, financiadas tamén con fondos provinciais

Finalizan as obras de reforma da escola unitaria de Campolongo, en Pontedeume, convertida nun local social a través do Plan Único

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe, o remate das obras de reforma da escola unitaria de Campolongo, no Concello de Pontedeume, convertida nun local social a través dos fondos do Plan Único.

Acompañado do alcalde de Pontedeume e portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, Formoso avaliou os traballos realizados para a reforma do edificio, que contou cun orzamento total de 218.340,01 euros, dos que a Deputación subministrou 191.915,21 euros e o Concello a parte restante, 21.424,80 euros.

A actuación centrouse na rehabilitación da cuberta, fachada e carpintería exterior. Na planta alta, por unha banda, conservouse o espazo que funcionaba como antiga casa da mestra e transformouse nunha vivenda de acollida para persoas en emerxencia social (desafiuzamento, mulleres vítimas de violencia de xénero...) e, pola outra, reformouse o que era a antiga aula para destinala a novos usos. Ademais, instalouse un ascensor para mellorar a accesibilidade e executouse unha nova rede de recollida de pluviais, así como un drenaxe e impermeabilización do perímetro para evitar as humidades.

Plan municipal de transformación das escolas unitarias

A renovación da escola de Campolongo enmárcase dentro do plan do Concello de transformación de escolas unitarias en locais sociais para poñelas a disposición da veciñanza, que inclúe ademais a reforma da de Nogueirosa e a de Centroña, financiadas tamén con fondos provinciais.

Por unha banda, as obras da de Nogueirosa están xa rematadas e inaugurarase en breve cunha exposición de fotografías antigas organizada pola asociación de veciños do lugar. Neste caso os traballos de rehabilitación do edificio permitiron crear, na planta baixa, unha gran sala de usos múltiples, un office e un baño, e na planta alta catro salas multiusos, unha biblioteca e un almacén. Ademais, instalouse un ascensor para mellorar a accesibilidade.

Pola outra, no último pleno provincial aprobouse un convenio co Concello de Pontedeume polo que a Deputación da Coruña destina 184.481,52 euros para sufragar o 80% do orzamento total da reforma da escola unitaria de Centroña que ascende a 230.601,91 euros. O obxectivo é mellorar a accesibilidade e crear novos espazos e, para iso, a planta baixa modificarase para deixar un espazo diáfano multifuncións, un baño, un office, un cuarto de limpeza e unha zona de almacén. Engadiranse dous pequenos volumes, un para mellorar a entrada do edificio e outro na parte posterior para incorporar un ascensor e unhas escaleiras. Na planta alta ampliarase unha das salas mentres que as demais estancias manteranse como ata agora, incluíndo un aseo e un pequeno office.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X