Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia a construción dunha senda peonil de case medio quilómetro en Berdoias, Vimianzo

Os traballos, en fase de licitación, contan cun orzamento de 72.814,68 euros e executaranse na marxe dereita da estrada AC-552

A Deputación financia a construción dunha senda peonil de case medio quilómetro en Berdoias, Vimianzo

A Deputación da Coruña financia a creación dunha senda peonil en Berdoias (Vimianzo) con cargo ao Plan único. A senda terá case medio quilómetro de longo, entre os puntos quilométricos 74,920 e 75,330. Os traballos contarán cun orzamento base de 72.814,68 euros e executaranse na marxe dereita da estrada AC-552. O prazo de presentación de ofertas remata o día 28 de xullo.

Esta infraestrutura é moi demandada, xa que é un espazo moi transitado, sobre todo pola veciñanza que se dirixe cara o cemiterio situado nas aforas do núcleo. A necesidade dun espazo reservado para o tránsito de peóns resulta máis evidente os días de afluencia masiva, como poden ser os días de enterro.

Por medio da intervención proposta preténdese mellorar a seguridade viaria e das persoas nesas cerimonias de alta concorrencia. A senda distinguirase por un cambio no pavimento, e por isto proponse formigón gris, atendendo ás demandas de Patrimonio, e terá un total de 1,80 metros de ancho, discorrendo paralela á calzada. A separación da senda coa estrada realizarase mediante unha cuneta de seguridade, de 1,20 metros de ancho.

Desde a Deputación sinalan que "con este proxecto daremos solución a unha demanda veciñal importantísima. Esta infraestrutura permitirá derivar o tráfico peonil da estrada á senda, algo que sobre todo os días de cerimonias fúnebres se agradecerá e garantirá a seguridade das veciñas e veciños de Vimianzo".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X