Estás en:Emprego Novas

Pontedeume recupera a escola unitaria de Nogueirosa para transformala nun local social co apoio da Deputación da Coruña

Valentín González Formoso e Bernardo Fernández estiveron hoxe no acto de inauguración do edificio, no que se estreou unha exposición de fotografías antigas organizada polos veciños

A actuación enmárcase dentro do plan do Concello para recuperar as escolas unitarias de Nogueirosa, Campolongo e Centroña como locais para a veciñanza

Pontedeume recupera a escola unitaria de Nogueirosa para transformala nun local social co apoio da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, estivo hoxe no acto de inauguración do novo local social de Nogueirosa, unha antiga escola unitaria transformada cos fondos do Plan Único.

Acompañado do alcalde de Pontedeume e portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, Formoso avaliou os traballos realizados para a reforma do edificio, que contou cun orzamento total de 203.112,58 euros, dos que a Deputación achegou 183.999,99 euros e o Concello a parte restante.

Os traballos de rehabilitación do edificio permitiron crear, na planta baixa, unha gran sala de usos múltiples, un office e un baño, e na planta alta catro salas multiusos, unha biblioteca e un almacén. Ademais, instalouse un ascensor para mellorar a accesibilidade.

Aproveitando a inauguración tamén se estreou no local social a primeira exposición que albergará: unha mostra de fotografías antigas organizada pola asociación de veciños do lugar.

Plan municipal de transformación das escolas unitarias

A renovación da escola de Nogueirosa enmárcase dentro do plan do Concello de transformación de escolas unitarias en locais sociais para poñelas a disposición da veciñanza, que inclúe ademais a reforma da de Campolongo e a de Centroña, financiadas tamén con fondos provinciais.

Por unha banda, as obras da de Campolongo están xa rematadas e o centro social está en funcionamento. Os traballos centráronse na rehabilitación da cuberta, fachada e carpintería exterior. Na planta alta, por unha banda, conservouse o espazo que funcionaba como antiga casa da mestra e transformouse nunha vivenda de acollida para persoas en emerxencia social (desafiuzamento, mulleres vítimas de violencia de xénero...) e, pola outra, reformouse o que era a antiga aula para destinala a novos usos. Ademais, instalouse un ascensor para mellorar a accesibilidade e executouse unha nova rede de recollida de pluviais así como unha drenaxe e impermeabilización do perímetro para evitar as humidades.

Pola outra, o pleno provincial aprobou un convenio co Concello de Pontedeume polo que a Deputación da Coruña destina 184.481,52 euros para sufragar o 80% do orzamento total da reforma da escola unitaria de Centroña que ascende a 230.601,91 euros. O obxectivo é mellorar a accesibilidade e crear novos espazos e, para iso, a planta baixa modificarase para deixar un espazo diáfano multifuncións, un baño, un office, un cuarto de limpeza e unha zona de almacén. Engadiranse dous pequenos volumes, un para mellorar a entrada do edificio e outro na parte posterior para incorporar un ascensor e unhas escaleiras. Na planta alta ampliarase unha das salas mentres que as demais estancias manteranse como ata agora, incluíndo un aseo e un pequeno office.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X