Xosé Regueira defende no Certame RIMARTES de Fotografía Submarina a singularidade cultural como atractivo turístico
O vicepresidente da Deputación da Coruña clausurou o acto de entrega de galardóns que tivo lugar na Sala de A Coruña Romana do Castelo de Santo Antón
Na tarde de onte o vicepresidente da deputación, Xosé Regueira, participou no acto de entrega de galardóns do I Certame de Fotografía Submarina en Pecios organizado no marco do proxecto 'RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo', que tivo lugar no Castelo de Santo Antón.
Xosé Regueira, quen se encargou de clausurar o acto, destacou "que este proxecto é moito máis que un certame fotográfico, é unha forma moi singular de socializar o patrimonio subacuático da nosa provincia, e de difundir unha parte da historia que está ligada aos avatares da navegación nas nosas costas". Regueira, quen aproveitou para felicitar tanto as persoas gañadoras como a todas as participantes, lembrou que "precisamente desde a Deputación baseamos boa parte da nosa estratexia turística en apoiar proxectos que conecten o territorio coa súa cultura específica, cos elementos que nos son propios e que nos diferencian no contexto mundial, e que ademais, promoven un tipo de turismo consciente, responsable e sustentable."
Os premios son o resultado dun evento lúdico-deportivo que tivo lugar cada sábado, durante un mes entre finais de maio e mediados de xuño, ao longo de catro saídas organizadas na Coruña, Malpica, Fisterra e Porto do Son para dar a coñecer o patrimonio subacuático a través das historias e dos restos de barcos históricos afundidos no litoral como o Rytterholm, "el Chino", o Pilar Blanco, o Solway, el Mount Parnes ou o Oceanographic. Todas as inmersións organizáronse da man dos centros de mergullo colaboradores de RIMARTES: Buceo Galicia, Deep Team Coruña, Nauga, Buceo Malpica, Buceo Finisterre e Mergullo Compostela.
Os gañadores deste certame foron José García Santiago, do CAS Nautilus de Fene, pola súa foto Angular con mergullador do Mount Parnes (Fisterra), e a Angular sen mergullador e o Close Up tomadas ambas durante a inmersión ao Oceanographic (Porto do Son). Estas dúas últimas fotos recibiron, ademais, o galardón á mellor imaxe do seu territorio (Fisterra e Porto do Son).
Na categoría Angular de pecio con mergullador, o 2º premio foi para David Corral Lage, igualmente socio do CAS Nautilus de Fene, por unha foto do Mount Parnes (Fisterra); e o 3º premio recaeu en Jesús Zamora González, que se mergullou con Nauga na Coruña, pola súa instantánea do Rytterholm, "el Chino".
Na categoría Angular de pecio sen mergullador, o 2º premio foi para Jesús Zamora González por unha foto do Rytterholm (tamén mellor imaxe da Coruña) e o 3º para David Corral Lage, pola súa foto do Mount Parnes (Fisterra).
Xa na categoría Close up de pecio, o 2º e 3º premio repartiuse entre David Corral Lage por unha foto do Solway (Malpica), designada ademais mellor imaxe deste territorio, e para Uxío López Castro, pola súa visión fantasmagórica do Oceanographic (Porto do Son).