A Deputación financia con 300.000 euros do Plan único a reurbanización da rúa Sanjurjo Badía, en Sada
A obra, que permitirá dar continuidade ás actuacións levadas a cabo para poñer en valor o núcleo de Fontán, tamén inclúe a substitución das redes de pluviais, fecais, electricidade, telecomunicación e iluminación
O proxecto estará a licitación pública no perfil do contratante municipal ata o 5 de outubro
A Deputación da Coruña inviste, a través do Plan único, 290.227,89 euros para levar a cabo o proxecto de reurbanización e renovación das redes de subministración na rúa Sanjurjo Badía, en Sada.
O proxecto, que conta cun orzamento total de 387.888,67 euros dos que a Deputación achega 290.227,89 euros e a parte restante, 97.660,78 euros, asúmea o Concello de Sada, permitirá dar continuidade ás actuacións levadas a cabo polo goberno local para poñer en valor o núcleo de Fontán.
Así, para a obra seguirase o mesmo patrón empregado noutro tramo da rúa Sanjurjo no ano 2020, que implica a substitución do pavimento de formigón existente por outro de adoquín, completando así a renovación desta rúa. Ademais, está prevista a mellora da Praza da Fonte, onde se encontra esta rúa coa rúa das Flores, cambiando o pavimento e deixándoa toda ao mesmo nivel, separando o tráfico con elementos de mobiliario urbano e macetas de gran tamaño, conservando a fonte.
En canto ás instalacións, substituiranse os colectores de saneamento, separando augas pluviais de residuais, e soterraranse as redes de electricidade, telecomunicacións e iluminación, comezando desde a praza da Fonte ata chegar ao cruzamento da rúa Sanjurjo Badía coa estrada AC-163.
O proxecto estará a licitación pública no perfil do contratante municipal ata o 5 de outubro.