Xosé Regueira defende a gastronomía como “eixo fundamental para a promoción do territorio” no ‘Galicia Fórum Gastronómico’
O vicepresidente lembrou, durante o acto oficial de apertura do evento, que a Deputación presentará o martes unha marca gastronómica propia para recoñecer e identificar a calidade, sustentabilidade e vinculación co territorio de produtos agroalimentarios e establecementos de restauración da provincia
Un showcooking, unha sesión vermú, degustacións de produtos do Xeoparque de Cabo Ortegal e unha cata de viños comentada, conforman o programa de actividades no posto da Deputación na primeira xornada do Fórum
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou esta mañá no acto oficial de apertura do 'Galicia Fórum Gatronómico', onde defendeu "a gastronomía como eixo fundamental para a promoción do territorio". Unha promoción que é posible, segundo indicou o vicepresidente "grazas á profesionalidade e á competitividade dos profesionais do sector, desde os produtores e os distribuidores ata os cociñeiros e cociñeiras da provincia". Engadiu ademais a necesaria implicación do público e das administracións.
Xosé Regueira lembrou que o vindeiro martes, no mesmo marco do Galicia Fórum Gastronómico, a Deputación presentará a marca turística e gastronómica coa que identificará produtos agroalimentarios, liñas delicatesen e establecementos de restauración da provincia que apliquen parámetros de calidade e sustentabilidade. "Trátase de difundir os valores e a calidade da nosa gastronomía" explicou Regueira, que ademais vai na liña do tema central sobre o que este ano xira o Galicia Fórum Gastronómico: a sustentabilidade.
Tras o acto de apertura, no que tamén participaron representantes da organización, das administracións autonómica e municipal, e de empresas patrocinadoras, o posto da Deputación abriu a xeira de actividades desta primeira xornada cunha sesión vermú. A programación continuou cun showcooking a cargo do cociñeiro Christian Vadell do restaurante Brasa de Beche de Abegondo, quen cociñou unha crema de cabaza con migas de bacallau á brasa, crocante celta e brisura; un bouquet fluídas do Xalo, alioli ecolóxico e crema de aguacate; verduras ao dente en escabeche galego, xurelo en salgadura e ananás á brasa; e carpaccio de solombo ao Xalo con tomatiños. De seguido, tivo lugar unha cata de viños da IXP da Terra de Betanzos. Pola tarde, o programa de actividades contempla degustacións de produtos do Xeoparque Cabo Ortegal: Maruxas de Nata e lácteos O Casal, ambos de San Sadurniño, e produtos de Conservas La Pureza de Cariño.
Convén lembrar, que nesta edición do evento, a Deputación promociona no seu posto a gastronomía de tres territorios da provincia que se corresponden coas dúas comarcas incluídas nos Plans de Desenvolvemento Turístico en Destino, como son o Eume e Ortegal, e coa que conta cun distintivo de calidade que recoñece os produtos agroalimentarios producidos con estándares de calidade e sustentabilidade, como é o caso da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.