Estás en:Emprego Novas

Boiro ampliará o hangar do club de piragüismo co apoio do Plan Único da Deputación da Coruña

A actuación, que conta cun orzamento de 65.410 euros, implica a construción dun novo módulo que permitirá a acollida de novas embarcacións de maior eslora

Ademais, o Plan Único tamén financia a renovación do pavimento da vía que vai de Curvera a Mavi, na parroquia boirense de Santa María de Castro

Os dous proxectos están a licitación pública no perfil do contratante municipal ata o 26 de outubro

Boiro ampliará o hangar do club de piragüismo co apoio do Plan Único da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único o proxecto para a ampliación do hangar do Club de Piragüismo Rías Baixas, do Concello de Boiro, que conta cun orzamento de 65.410 euros.

A actuación implica a construción dun novo módulo de 60 metros cadrados ocupando o espazo existente entre a nave actual e o muro de contención que divide a parcela en dous. O obxectivo é que esta nova instalación permita acoller embarcacións de maior eslora, que ata o de agora non tiñan cabida.

O novo módulo, que terá unha superficie útil de 53,68 metros cadrados, contará cunha estrutura soporte de muro de fábrica de termoarxila, unha cuberta con panel tipo sándwich de chapa grecada de aceiro galvanizado con illamento térmico e unha fachada que se resolve a través dunha cámara de aire entre o muro de contención e unha joja de fábrica de termoarxila revestida con morteiro.

Por outra banda, o Plan Único da Deputación tamén financia o 100% da obra de renovación do pavimento da vía que vai de Curvera a Mavi, na parroquia boirense de Santa María de Castro. Os traballos, nos que se invisten 70.075 euros, inclúen a limpeza da estrada, a súa pavimentación e o posterior pintado de marcas na vía.

Os dous proxectos están a licitación pública no perfil do contratante do Concello de Boiro e poden presentarse ofertas ata o 26 de outubro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X