Estás en:Emprego Novas

O Plan Único da Deputación financia a renovación da avenida Párroco Villanueva, en Sada

As obras inclúen a renovación dos servizos e o pavimento das beirarrúas e da calzada na avenida que dá acceso a Sada de Arriba

O POS+ financia tamén a construción dunha senda peonil en Veigue ata o límite con Oleiros

As dúas obras suman un investimento de 535.798 euros

O Plan Único da Deputación financia a renovación da avenida Párroco Villanueva, en Sada

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, dúas obras no Concello de Sada: a renovación e mellora da avenida Párroco Villanueva e a creación dunha senda peonil en Veigue. En total, destínanse 535.798 euros para sufragar estas obras

Por unha banda, o proxecto para a avenida Párroco Villanueva, que conta cun orzamento de 336.440 euros dos que a administración provincial achega 330.259 €, pretende mellorar notablemente as infraestruturas desta zona urbana que conecta co núcleo de Sada de Arriba e que dá acceso a servizos como o Centro de Saúde ou a Policía Local do municipio.

Os traballos inclúen a renovación do pavimento das beirarrúas e da calzada e tamén a substitución das acometidas aos edificios que non cumpran cos criterios de materiais axeitados xunto á separación de augas residuais e pluviais.

Tamén se renovará a iluminación pública e, na parte superior da rúa, na que hai un cruceiro, o pavimento será de formigón gris e estará sobre elevado para provocar a redución da velocidade de circulación dos vehículos nese punto. Ademais, para separar a pedra do cruceiro do formigón rodearase dunha franxa de lastro de pedra de aproximadamente un metro. Desde as esquinas deste lastro partirán tres bandas que dirixirán a mirada do peón ao cruceiro, ademais de actuar como banda redutora de velocidade.

Senda peonil en Veigue

Por outra banda, o proxecto para a construción dunha senda peonil en Veigue, que conta cun orzamento de 207.444 euros, ten o obxectivo de mellorar a seguridade viaria nesta zona e crear un circuíto peonil ata o límite co Concello de Oleiros.

A senda, que terá unha lonxitude de 689 metros, discorrerá pola marxe dereita da estrada AC-163, excepto entre os PK 6+890 e 7+030 onde se executará por ambas marxes. O itinerario comezará no lugar de Chan de Aldea, conectándose coa senda de aglomerado existente e finalizará na contorna de Valexa, no límite con Oleiros. No cruce da senda coa Vía Ártabra será necesario executar un paso de peóns, que será sinalizado e iluminado.

As dúas obras están en proceso de licitación pública e o prazo para presentar as ofertas remata o 9 de novembro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X